O PP e as súas contradicións
Hai uns días podíamos coñecer polos medios de comunicación a oferta, por parte do concello de Cambados, dalgunhas parcelas no polígono industrial de Sete Pías. Ao BNG non lle deixan de sorprender as declaracións de Aragunde ao respecto, cando afirma que endureceu os criterios respecto a procesos semellantes anteriores (impostos polo PP, por certo) para evitar especulacións e dar oportunidade aos interesados en asentarse con verdadeiras intencións de xerar actividade industrial. Estas declaracións aderézaas dicindo cousas tan obvias como que os terreos son para quen realmente os necesite ou que se esixirá un prazo para presentar licenza de obra; pois por suposto! É dicir se lle esixirá aos posibles peticionarios o que ven esixindo o BNG desde hai case 15 anos; que poña o polígono industrial de Sete Pías ao servizo do empresariado e non do PP.
O Alcalde fala da nova situación de adxudicación de parcelas como se na anterior non fora o PP o que deseñou un polígono industrial carente de servizos e cos requisitos necesarios para ser un exemplo de especulación en Cambados e no Salnés (neste tema tamén, tristemente, o PP cambadés foi un referente para toda a Comarca). Pregúntase o BNG porque Aragunde non criticou nin variou esa situación especulativa ata o de agora. Terá algo que ver neste asunto a próxima campaña electoral? Seguro que non , que mal pensados somos no BNG.
É unha pena que esta medida chegue agora cando xa quedan tan poucos empresarios grazas, claro está, ás políticas económicas e fiscais implantadas polo PP para beneficiar aos seus poderosos amigos, entre eles aos bancos, que de seguro non llo porán doado aos que necesiten cartos para optar ás citadas parcelas. Acórdase agora o PP, cando leva anos aplicando políticas e medidas económicas, en Madrid, Santiago e Cambados, que conseguiron queimar a taxas e impostos a autónomos e pequenas e medianas empresas, de que os empresarios necesitan solo industrial a baixo prezo e con servizos; canta hipocresía ...