O BNG de Meis leva a pleno a mala xestión da Biblioteca Pública
A portavoz municipal, Pilar Xiráldez faise eco das queixas por parte de usuari@s da Biblioteca Pública de Meis.
A biblioteca de Meis ata fai á redor dun ano, tiña unha programación de actividades de fomento de animación á lectura que podía ser a envexa das bibliotecas da contorna. E non só iso, senón unha implicación xeral en calquera actividade cultural que se dese no Concello de Meis.
“Calquera proposta era ben recibida na biblioteca e facíase todo o posible para levala a cabo, pero parece que isto mudou nos últimos tempos”, sinala a portavoz municipal.
Hai queixas tamén do estado dos ordenadores dos que fan uso @s usuari@s da biblioteca, xa que están totalmente obsoletos e urxen dunha renovación. Ademais hai que engadir que o Concello está cubrindo a praza da bibliotecaria con persoal becario que veñen doutras especialidades e que se ven desbordad@s cando chegan alí e non teñen unha persoa cualificada para darlles instrucións de como desenvolver o seu traballo.
Por todo isto, e diante das denuncias que fan @s usuair@s de deixadez por parte do goberno municipal, o BNG de Meis levará a pleno unha serie de preguntas sobre esta cuestión.