O PP négase a deixar sen efecto o expediente do director do IES da Illa de Arousa
Montse Prado denunciou a dobre vara de medir do PP que manifesta ante os veciños da Illa de Arousa estar en contra do expediente a Alfonso Malvido e rexeita no Parlamento galego a súa derrogación.
A deputada do BNG, Montse Prado amosou hoxe o seu malestar na comisión de Educación polo voto desfavorábel do PP á iniciativa nacionalista que reclamaba deixar sen efecto o expedinte incoado contra o director do IES da Illa de Arousa, Alfonso Malvido por adiar un día o inicio das clases, decisión consensuada co claustro de profesor@s e equipo directivo ante a imposibilidade de entregar os horarios definitivos pola tardanza da Consellería de Educación en confirmar a incorporación dun novo docente.
Montse Prado cualificou de dobre vara de medir e hipocrisía a posición do Partido popular que por unha banda, manifesta estar ao lado d@s veciñ@s da Illa de Arousa e denuncia o abuso contra o director do IES e no Parlamento galego votan en contra da Proposición non de lei do BNG que reclama deixar sen efecto o expediente para revogar do seu cargo de director a Alfonso Malvido.
A nacionalista recriminou este dobre raseiro e acusou ao Partido popular de pasarse de freada por amparar un expediente que busca a persecución e represión ante a demanda dunha educación pública de calidade e o número de profesionais necesarios para acadala.
Prado lembrou que a apertura do expediente a Alfonso Malvido provocou o rexeitamento unánime da comunidade educativa, consello escolar e claustro de profesor@s, sindicatos, AMPAS, grupos políticos e docentes coa recollida dun importante número de sinaturas que reclaman a derrogación dunha decisión desproporcionada e inxusta.
A nacionalista afirmou, que o IES da Illa de Arousa é un centro exemplar que conta cun director de recoñecido prestixio polo seu bo facer polo que resulta un atropelo penalizar cun expediente político a Alfonso Malvido.
Para a deputada o expedinte reflicte a intención do Partido popular de amedrentar as persoas decididas a enfrontarse ás súas políticas para desmantelar os servizos públicos galegos con recortes nos orzamentos e medios, ademais de persoal como aconteceu no IES da Illa de Arousa.
Tras a intervención do portavoz popular de Educación Román Rodríguez que rexeitou a anulación do expediente, a nacionalista reprobou que o propio xefe territorial declare publicamente o contido do expediente, isto en democracia, dixo, ten un nome, expediente político e exemplarizante.
A deputada concluíu a súa intervención reiterando as acción emprendidas polo Partido popular contra o director do IES da Illa que, ao seu xuízo, responden a un revanchismo e persecución contra os que se atreven a defender un ensino galego, público e de calidade.