O PP négalle aos veciños e veciñas de Ribadumia un novo sistema de recollida do lixo máis eficiente
Os nacionalistas destacan que os conservadores illan a Ribadumia e ademais de non ter propostas negan sistematicamente as do BNG
Unha vez mais o PP pasou o rodo e tumbou as propostas que o BNG presentou. No pleno do pasado xoves debatéronse dúas mocións do BNG. Unha era para impulsar un novo sistema de recollida do lixo que produciría melloras na calidade de vida dos nosos veciños ademais de ser unha oportunidade de creación de emprego e de minorar o custo do servizo. Xoán Allegue, voceiro do BNG no concello aclarou: O PP se opón co único argumento de que SOGAMA non é un sistema incinerador. Isto é absurdo e non hai ninguén que defenda isto xa. Mais o PP de Ribadumia tennos acostumados a tentar xustificar o indefendíbel, como tamén facía con Javier Guerra,no caso de Alfageme. Unha pena
Tamén rexeitou a segunda moción do BNG relativa a esixir a derrogación da lei de taxas xudiciais. Afirmaron que xa hai algúns cambios á lei inicial mais o BNG lembroulles que a intención de cobrar sigue e o PP de Ribadumia amosouse a favor, defendendo que se debe cobrar pola xustiza, xusto o contrario do que defende a nosa moción.
Ademais o BNG fixo dúas suxestións: unha relativa a controlar o aforo dos locais públicos. Isto é algo evidente que debera estar presente sempre que se organice un acto e non se está vixiando. Agora que está un tanto aliviada a alarma social por outros casos é bo momento para tomar este tema sen alarmismos.Tamén suxeriu que a ambientación e a música das festas infantís sexa, como é lóxico, infantil.
O BNG preguntou pola relación da concellerira do PP grovense Laura Besada co concello de Ribadumia. Mais as respostas non convenceron ao concelleiro nacionalista. Segundo a alcaldesa todo comezou cunha bolsa da Deputación, e así ata agora. Por isto o BNG preguntou novamente se a alcaldesa estaba de acordo con ter unha encargada de propaganda mentres os veciños de Ribadumia se lles sube o IBI, cóbraselles pola xustiza, recórtaselles en sanidade, servizos sociais, ensino,... Salomé respondeu que non a pagaba o concello xa que é compartida con Meaño, Meis e Ribadumia. O concelleiro do BNG respondeulle que non se esqueza que os cartos das administracións públicas tamén saen dos petos dos ribadumienses e que o mal uso do que pagan os galegos e galegas é a que nos trouxo a situacións como a de hoxe en día, de total desprezo polos cartos públicos.
Por outro lado, votou en contra dunha moción do PP para reprobar un concelleiro por non corresponder ao pleno tal posicionamento.