O PP amosa unha outra vez cos seus orzamentos que non ten proxecto para Ribadumia.
O BNG afirma que estes orzamentos enterran os cartos e o futuro da localidade
Hoxe mércores en Ribadumia debátense os orzamentos para o 2014 da localidade. Diante desta cita o BNG chama a atención sobre a farsa á que se somete á cidadanía: compromisos plenarios que no veñen nos orzamentos, gastos asumidos publicamente que non se recollen, etc. É por isto que o seu portavoz, Xoán Allegue non espera sacar moito en limpo.
Con todo, o BNG aproveitará o momento para recordar ao goberno de Salomé Peña as contradicións do seu goberno que nos custan moitos euros a toda a veciñanza. Hai 2 anos tiraron a casa do médico e o PP propón agora gastar 159.000 un novo local en Barrantes.
Ademais o BNG afirma que o PP engana á cidadanía ocultando partidas. Neste sentido o BNG bota en falta partidas que nunca apareceron nos orzamentos como a do campo de fútbol novo, a da ponte de Barrantes e á igrexa, tres obras polémicas que nunca pasaron polos orzamentos.
Nestes orzamentos, segundo Xoán Allegue, hai un entreguismo total, uns orzamentos que non reflicten para nada o actual contexto social de apuro que hai en Ribadumia e as necesidades da xente. É clamoroso isto no apartado que ten que ver cos ingresos xa que non se espera conseguir nada doutras administracións.
O BNG salienta que o PP non adaptou partidas para por exemplo combater medidas realmente inxustas como o copagamento dos fármacos, xa que con 15.000 poderiamos aliviar a situación de moitas persoas. Ao PP sabemos que non lle importa mais nós imos volver a propoñelo. Son os orzamentos que continúan con liña seguida ate agora polo goberno local, e que pode resumirse en cartos para fútbol e igrexa e non para medicamentos.