MONTSE PRADO REUNIUSE COAS TRABALLADORAS DA RESIDENCIA VALLE-INCLÁN DE VILANOVA DE AROUSA.
A deputada do BNG Montse Prado reuniuse coas traballadoras da Residencia Valle-Inclán de Vilanova de Arousa para trasladarlle as iniciativas rexistradas no Parlamento Galego ante a situación de gravísima conflitividade laboral e social na que está a residencia e que presta servizo a persoas maiores en situación de dependencia.
Para a nacionalista, a situación que están a padecer os traballadores e traballadoras da Residencia Valle-Inclán é totalmente escandalosa polas represalias tomadas por parte da empresa co despedimento de 39 persoas, despedimentos que son claramente de carácter ideolóxico, ben por pertencer ao comité de empresa ou ben por reclamar os seus dereitos laborais.
Para Montse Prado a Consellaría de Traballo e Benestar é cómplice e consentidora da actuación fraudolenta por parte da empresa, que a día de hoxe está en fase de liquidación por parte do Xulgado do Mercantil, e con sentenzas de despedimentos declarados nulos por varios Xulgados do Social.
A nacionalista presenta estas iniciativas para que dunha vez por todas a Consellaría de Traballo e Benestar diga cal é a situación actual da empresa e, demanda que unha vez liquidada Viajes Silgar polo Xulgado do Mercantil, a Consellaría se comprometa a só xestionar concerto para a xestión do servizo público para a atención de persoas maiores en situación de dependencia cunha empresa que en ningún caso teña como titulares os actuais administradores das empresas implicadas neste proceso. ademais de comprometerse a manter as 110 prazas concertadas de atención a persoas maiores, a cumprir as setenzas dos diferentes xulgados que declararon nulos os despidos de ata agora 20 traballadores e traballadoras, coa readmisión dos mesmos nas condicións que estaban antes e cos pagos das nóminas atrasadas e as indemnizacións estipuladas por danos e perxuizos.
Montse Prado denuncia a complicidade e responsabilidade do Goberno Galego e os feitos veñen demostrando que o PP prima e beneficia ás súas empresas amigas e aos seus militantes e deixa tirados a 39 traballadores e traballadoras e poñendo en risco a atención das persoas maiores.