MOCIÓN PARA CESE CONSTANTE INSTALACIÓN DE CIRCOS E OUTROS ESPECTÁCULOS NO EXTERIOR DE FEXDEGA
O Bloque Nacionalista Galego ven de presentar no rexistro do concello de Vilagarcía de Arousa unha moción solicitando a retirada do circo e de futuros espectáculos do aparcadoiro exterior de FEXDEGA.
No último ano, as veciñas e os veciños de Vilagarcía de Arousa levamos sufrindo a invasión constante de circos e outros espectáculos que sitúan as súas instalacións no espazo establecido como aparcadoiro exterior de FEXDEGA. Dita invasión, está traendo consigo graves consecuencias para as veciñas e os veciños da nosa cidade.
A diario, mentres dura a ocupación do terreo, o vecindario vese obrigado a sufrir e a padecer, o cheiro e o balbordo ocasionado polos animais e polas actuacións que alí se desenvolven, así como polas obras tanto de instalación coma de desinstalación producidas a deshora . Ademais, a todo isto habería que sumarlle as condicións de insalubridade xeradas tanto pola situación dos animais como polos verquidos que se producen e que son incrementadas nestas datas do verán polas altas temperaturas.
Ao risco que supón para a nosa saúde, hai que sumarlle as graves consecuencias que está a supoñer tamén para a hostalaría e para o comercio local, ao verse privada Vilagarcía de Arousa das tan necesarias prazas de aparcadoiro para todas aquelas persoas que se desprazan a nosa cidade para realizar as súas compras, para solucionar diferentes trámites administrativos ou ben para desfrutar do seu tempo de lecer.
Tamén, hai que sumarlle ademais o feito de que as infraestruturas da zona estanse vendo deterioradas, afectadas principalmente polas continuas manobras de instalación das carpas e demais estruturas ao pavimento da zona, supoñendo nun futuro un custo para o concello polos danos ocasionados que doutro xeito non existiría.
Dende o BNG non entendemos que intereses poder ter o goberno de Fole en ter constantemente ocupado por circos este espazo conseguindo con isto únicamente o detrimento da calidade de vida da cidadanía e atentando de novo contra a hostalaría e o comercio local. O que está a ocorrer cos circos lémbranos enormemente á escura terquedade do Sr. Alcalde á hora de instalar o Pádel en Vilagarcía, o cal fai que nos preocupe máis aínda as pretensións deste goberno do Sr. Fole.
Lembramoslle que neste caso a sua política de pan e Circo nin é aplicable nin de recibo, e que polo tanto sería necesario que o seu goberno deixe de montar permanentemente o circo e atenda as demandas dos veciños e veciñas.
É por iso polo que dende o BNG esixímoslle ao bipartito conservador que tome as medidas que como goberno lle corresponde tomar para recuperar o aparcadoiro exterior de FEXDEGA coma tal, e buscar outras opción para a colocación de circos ou outros espectáculos similares.