O BNG SOLICITA A RETIRADA DO TÍTULO DE CABALEIRO DO ALBARIÑO ÓS POLÍTICOS CORRUPTOS
O BNG leva anos facendo público o seu malestar porque o PP utilice a Festa do Albariño, en especial o seu Xantar, para promocionar prioritariamente ao seu partido político por riba do evento, do sector vitivinícola e do concello. É dicir, desde hai anos desde o concello, tentouse transformar a Festa do Albariño na Festa do PP, convidando ao Xantar, sen ningún criterio, a calquera persoa vinculada ao seu partido o que, ademais, significou que nalgunhas edicións recentes o número de convidados ao estivera preto do millar de asistentes o que supuxo un despilfarro de cartos públicos (tamén criticado, reiteradamente, polo BNG)
Que se isto non fora suficiente, o PP leva anos manexando ao Capítulo Serenísimo para determinar a distinción de Cabaleiros do Albariño a cargos políticos do partido. O único argumento utilizado para defender este xeito de actuar do PP era que a esaxerada presenza de membros do seu partido redundaba na teórica promoción da Festa do Albariño e do concello de Cambados.
Pola contra, a día de hoxe, a realidade está a demostrar que a inclusión de membros do PP, distinguidos nalgún momento neste evento, foi un erro e resulta negativo para a promoción deste concello e da Festa do Albariño. Lamentablemente está a comprobarse, que políticos do PP distinguidos como Cabaleiros do Albariño son un exemplo de comportamentos corruptos. Mentres a sociedade esta a padecer unha tremenda crise económica e social, comproba como moitos representantes do PP utilizan o seu cargo político para enriquecerse persoalmente e para beneficiar a determinadas grandes empresas amigas comportándose, ademais, como políticos hipócritas que non están dispostos nin a dimitir nin a dar explicacións á cidadanía, tentando ocultar, en todo momento, as ilegalidades do seu partido político.
Hoxe, este tipo de representantes do PP está a facerlle dano ao noso concello e á nosa festa pola vinculación que, erradamente, o PP leva tenando facer con Cambados e co Albariño.
Resulta inaceptable que na actualidade desde o Concello de Cambados non se dea exemplo e se lle retire calquera tipo de distinción a políticos que deberiamos desvincular dun dos principais sectores económicos da nosa comarca.O BNG considera que a distinción de Cabaleiros do Albariño outorgada polo Capítulo Serenísimo a estes representantes do PP resulta negativa para Cambados, para a Festa do Albariño e para o sector vitivinícola da nosa comarca, polo que resulta urxente a súa desvinculación con este evento e esta comarca; polo que solicita que o concello se dirixa ao Capítulo Serenísimo para que tome a decisión de eliminar a distinción de Cabaleiros do Albariño a Mariano Rajoy, Francisco Álvarez Cascos e Jaume Matas.
Mariano Rajoy: por responsable dunha trama de financiamento ilegal do seu partido político, acusado de cobrar sobresoldos en negro nos anos 97, 98, 99 (vulnerando a Lei de Incompatibilidades do ano 1995) e, ademais, por negarse a dar explicacións á cidadanía destas acusacións, o que nun réxime democrático debe ser a primeira obrigación de calquera representante político.
Francisco Álvarez Cascos: (no seu momento ministro de Fomento do PP) tamén cobrou sobresoldos en negro procedentes do financiamento ilegal do PP.
Jaume Matas: (no seu momento ministro de M. A. do PP), condenado por varios delitos de corrupción ao usar os cartos públicos en beneficio propio.