MATO RESPONDE AO BNG QUE EUROCONSULTORES NON TEN A SOLVENCIA TÉCNICA NIN ECONÓMICA PARA O CONTRATO
A parlamentaria, Montse Prado formulou unha pregunta á conselleira de Traballo e Benestar sobre a adxudicación de contratos a empresas con dubidosa veracidade na documentación presentada
A deputada do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta á conselleira de Benestar, Beatriz Mato relativa a adxudicación de contratos a empresas con dubidosa veracidade na documentación presentada para as adxudicacións.
A deputada, tras saudar as ex-traballadoras da Residencia Valle Inclán presentes no debate na tribuna do público, asegurou que en máis dun ano de conflito, a conselleira nunca accedeu a unha xuntanza coas afectadas, a pesar de terllo demandado en múltiples ocasións.
O BNG, dixo, presentou diversas iniciativas sobre esta residencia do concello de Vilanova co fin de que a consellería mediara no conflito laboral que provocou o despido de 57 persoas tras a irregular xestión da empresa Viajes Silgar adxudicataria da prestación que posteriormente constituiría outra empresa de servizos baixo o nome de Nurtime.
A nacionalista manifestou que existiu un uso indebido de fondos e cesión ilegal de traballadores e irregularidades cometidas polos administradores, Francisco Janeiro e Enrique Martinez e denunciou que a consellería amparou e encubriu á empresa facendo caso omiso das denuncias das traballadoras.
A deputada lembrou que a propia Fiscalía de Pontevedra confirmou o comportamento delictivo de Francisco Janeiro e Enrique Martinez, cabezas visíbeis da empresa, situación agravada ao recibir os fondos públicos da consellería de Benestar outra empresa denominada Euroconsultores Socio Sanitarios S.L.
A situación tornase máis grave dixo Prado, ao sacar a consellería un concurso para adxudicar prazas para atención de persoas de terceira idade dependentes e propoñendo a Mesa de contratación a devandita empresa, a pesar de non contar con traballadores nin instalacións para o servizo.
Mato recoñece que a empresa Euroconsultores Socio Sanitarios S.L non conta con solvencia técnica nin económica para acceder a concesión
En resposta á pregunta da deputada nacionalista, a conselleira Beatriz Mato recoñeceu a falta de solvencia técnica e económica da empresa e lembrou que Benestar sempre estivo pendente do servizo e da situación das traballadoras impoñendo incluso dúas sancións graves a Viajes Xilgar por irregularidades e rescindindo o contrato.
Posteriormente, engadiu, iniciamos un novo proceso aberto de contratación e ata onte mesmo, a empresa Euroconsultores non presentou ningunha documentación que acredite a súa solvencia. A partir de agora, afirmou, será a Mesa de contratación a que tome a decisión.
Na réplica, a deputada asegurou que a consellería non controla ás empresas co obxecto de beneficiar aos seus amigos e ao Partido popular e acusou a Beatriz Mato de non importarlle que 57 persoas despedidas segan na rúa.