HAI VOLTAS E VOLTAS!

HAI VOLTAS E VOLTAS!

Hai unhas semanas polo Salnés e por Cambados pasou a “VOLTA A ESPAÑA”, e todos puidemos comprobar como, nesa ocasión, non se reparou en gastos e estaban previsto cada detalle, cada cartel, cada valado, cada batea, estaba barrida cada area da estrada e tapado cada bache por onde circulou a VOLTA. Nada faltou.

Que mágoa que o PP non sexa tan detallista coa  “VOLTA AO COLE”. Que pena que na VOLTA AO COLE,  se escaparan tantos detalles e se puxera tan pouco empeño en que as cousas saíran coa perfección que deberían saír. Que pena que se comece o curso con menos profesores ca o pasado, con menos bolsas de ensino (para familias cada vez máis necesitadas), con menos axudas para libros (hoxe, máis xente ten menos recursos), con menos axudas para comedores escolares. Que pena que a pista do Magariños siga na mesma lamentable situación ca o ano pasado a pesar de que o PP prometeu, hai máis dun ano, orzamento para arranxala. Que pena que se chove os nenos/as terán que facer educación física na aula. Que pena que non se previra que había que pintar as aulas do colexio de San Tomé e se esperara a última hora para facelo. Que pena que con máis de 30 alumnos/as por aula en 1º ESO no Asorey non haxa ordenadores para todos/as. Que pena que para o PP, no ensino público, os detalles carezan de importancia.

O curioso da situación é que os fondos para a VOLTA A ESPAÑA e os fondos para a VOLTA AO COLE saen do mesmo sitio; do peto de todos e todas nos. O problema real é quen  distribúe eses fondos e cales son as súas prioridades, é dicir, o problema é de natureza política.  Neste caso, os nosos cartos, os distribúe o PP e as súas prioridades non son, precisamente, os servizos públicos que, baixo os seus gobernos, seguen en continua degradación.

HAI VOLTAS E VOLTAS!