O BNG solicita a anulación dos expedientes sancionadores aos Emigrantes Retornados en Ribadumia
A moción do BNG que solicita a anulación dos expedientes sancionadores da Axencia Tributaria aos veciños que perciben pensións do estranxeiro é aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Ribadumia
No pleno deste xoves o BNG presentou e defendeu unha moción de apoio ás persoas beneficiarias, que solicitaba a anulación dos expedientes sancionadores da Axencia Tributaria aos veciños que perciben pensións do estranxeiro, unha moción que foi aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Ribadumia
Ademais, o BNG congratúlase de poder contar no Pleno con moitas persoas integradas na plataforma de emigrantes retornados afectados, xa que aceptaron o convite do BNG de asistiren ao Pleno para presenciar o debate da Moción, e mesmo acudiron cunha pancarta propia. Tamén foi aprobada a moción do BNG que solicita que se execute o
orzamento comprometido pola Xunta para este 2013 para o hospital do Salnés, ante os continuados incumprimentos do PP.
Non correu a mesma sorte a moción que presentamos para opoñernos á reforma da lei do aborto que prepara o goberno do PP, que so contou cos votos favorábeis do BNG e do PSOE. Tamén foron rexeitadas as nosas mocións relativas á demandar a retirada da LOMCE, a apoiar a autodeterminación do pobo saharaui e a manter os partidos xudiciais.
O BNG tamén se posicionou a favor de habilitar unha partida económica para o acceso de bolsas para os estudantes universitarios de Ribadumia que se visen prexudicados polas novas medidas do ministro Wert, aínda que, desafortunadamente, a persoa que presentara esa moción preferiu retirala ante as peticións do PP para que o fixese, polo que non puidemos votala a pesar de que así o solicitamos.