FOLE CONTINÚA DESMANTELANDO O PATRIMONIO URBANISTICO DA CIDADE.
O BNG esíxelle ao PP que deixe de desmantelar elementos que forman parte do noso patrimonio como son os bancos de pedra e a medianeira de setos, estarían secos?, para substituílos por espazos cheos de formigón que contribúen a deshumanizar a nosa cidade, bancos que ían ser engadidos como bens catalogados no Catálogo de elementos a protexer no novo PXOM, continuando coa costume de incumprir as súas propias propostas.
A reforma realizada na contorna do Auditorio Municipal e da Casa do Mar por parte do PP de Vilagarcía, é unha mostra máis da política de desmantelamento do noso patrimonio levada a cabo polo rexedor actual.
As ansias electoralistas de Tomás Fole, o cal ao longo do seu mandato acumulou un peto millonario para cubrir a súa campaña electoral con fondos públicos no remate da lexislatura, están a agudizar e acelerar o proceso de deshumanización da cidade de Vilagarcía de Arousa implantándose así o modelo urbanístico do PP.
Dende o Bloque Nacionalista Galego consideramos o modelo imposto polo PP coma un modelo caduco que sacrifica o benestar do cidadáns a favor dos especuladores, e que neste senso prioriza a política do cemento fronte a política de saúde medioambiental.
Unha política da motoserra e do cemento que está a levar á desaparición de espazos públicos e de lecer de referencia para esta cidade e os seus cidadáns. Un modelo urbanístico, contrario ao que dende o BNG propoñemos e consideramos que precisan as veciñas e veciños de Vilagarcía de Arousa.
O BNG levará a cabo un seguimento sobre a localización e o estado actual destes bancos e, nese senso, preguntaremos ao goberno sobre a súa localización, así como tamén esixiremos a súa restitución ao mobiliario urbano e público destes elementos, así como a adecuación da beirarrúa ao seu entorno.