Fole consinte a destrución da nosa fachada marítima
As últimas manobras levadas a cabo polo PP, no porto de Vilagarcía, danlle a razón ao Bloque Nacionalista Galego, o cal viu dende o comezo na destitución da súa portavoz do consello de administración do porto unha estratexia clara por parte do PP para sacarse do medio calquera oposición as súas intencións de adxudicar chan público para negocios dos amigos.
Vilagarcía de Arousa, 12 de Xullo do 2013.- Para o BNG, resultan inaceptábeis as artimañas levadas a cabo polo bipartito conservador, o cal empeñado en montarlle o negocio aos seus amigos, non dubidou en destituír no seu día a María Villaronga, voceira do BNG, da autoridade portuaria para incumprir a legalidade e hipotecar o futuro da fachada marítima de Vilagarcía de Arousa, así como para saltarse tódolos protocolos de seguridade marítimos, poñendo en perigo os sectores produtivos da Ría de Arousa, amosando día si e día tamén un total desleixo e despreocupación polos traballadores do mar e polos nosos visitantes.
No seu día, xa manifestamos que a destitución da nosa representante no Consello do Porto non obedecía a outra razón máis que a súa oposición ás políticas que está levando adiante o PP. Feito corroborado polo propio Fole no Pleno.
A política de recuperación da fachada marítima de Vilagarcía e facer da súa costa un elemento fundamental para a Vilagarcía de Arousa do futuro, por parte do BNG, choca frontalmente coas intencións do PP de, servíndose das distintas administracións, poñer a mesma a disposición de empresas amigas.
Non cesa Fole no seu empeño de montarlle o negocio ao seu amigo Lito en chan público. Así, primeiro ofertáronlle o recinto de Fexdega e logo decidiron, poñerllo máis doado, e directamente montarlle o negocio hipotecando o futuro da fachada marítima e portuaria de Vilagarcía de Arousa cunha actividade que nada ten que ver coa portuaria.
Dende O BNG consideramos que dende o PP, en complicidade co goberno títere de Fole, están a utilizar o noso concello para pagar favores a empresas amigas, e que as políticas dos sobres seguen a estar vixente aínda no PP.
Esiximos de Tomás Fole que de xeito inmediato, salga do seu despacho, e poña en practica outro tipo de políticas, como a defensa dos sectores pesqueiros e marisqueiros, do sector do turismo marítimo, en lugar de levar a cabo prácticas diarias en contra da cidadanía.