CENSURA POR PARTE DE FOLE Á HORA DE ACCEDER AO PROXECTO DO PXOM DE VILAGARCÍA DE AROUSA

CENSURA POR PARTE DE FOLE Á HORA DE ACCEDER AO PROXECTO DO PXOM DE VILAGARCÍA DE AROUSA


O BNG DESLEXITIMA A CAPACIDADE DO PP PARA GOBERNAR E DENUNCIA A CENSURA POR PARTE DE FOLE Á HORA DE ACCEDER AO PROXECTO DO PXOM

O BNG da a voz de alarma ante a farsa á que hoxe se veu convocado, e teme as consecuencias que o PXOM proposto polo bipartito conservador vai traer para Vilagarcía de Arousa. A actitude de Tomás Fole de non dar unha copia da revisión do PXOM a oposición, para estudalo máis a fondo, demostra unha clara intención de ocultación e de privar a oposición e a veciñanza de Vilagarcía a posibilidade de coñecer polo miúdo o criterio empregado neste planeamento.

Dende o BNG queremos mostrar a nosa repulsa ante a intencionalidade do Sr. Fole de vender un falso consenso cando, trala xuntanza de hoxe, quedou en evidencia que pretende facer cómplices dun proxecto de PXOM a unha oposición á que se lles negou acceso á información.

En palabras do rexedor, este negouse a enviar información aos grupos ata que non pase por urbanismo para evitar as queixas que poidan xurdir ao respecto, con estas declaracións xa queda en evidencia, amosando que é coñecedor da polémica que vai desatar ante as medidas que pretende. Pese a terlle solicitado información rematou dicindo que teremos acceso a ela cando saia a exposición pública.

O que ten que ter claro Tomás Fole, é que dende o BNG non compartimos para nada o modelo de cidade que dende o PP nos están a implantar e que pretenden consolidar coa aprobación do PXOM que se nos presenta.

Atopámonos cunha Vilagarcía que se sitúa entre os 10 primeiros municipios do estado en número de vivendas baleiras (arredor de 4000), e pretenden que se constrúan a maiores en 12 anos 6600 vivendas a maiores, o cal traerá consigo un crecemento desproporcionado para a nosa cidade que podería desembocar nunha nova burbulla inmobiliaria.

Ademais, diante da enorme carencia de zonas verdes existentes no municipio, a posibilidade da ampliación e creación da mesma,  pase a depender das mans da iniciativa privada. E así pasaría tamén con outras zonas do concello que quedarían en mans de convenios urbanísticos que garantizasen o desenvolvemento.

O PXOM proposto trae ademais incluído no seu proxecto as consecuencias da aplicación do polémico POL, xa denunciadas dende fai tempo polo BNG, e que farán que nos atopemos cun documento moito máis restritivo.

E para máis gravidade, tampouco se contempla no PXOM unha solución de cara a consolidación da fachada marítima, de gran importancia para o BNG e que a falla de escrúpulo do goberno do PP, xa ten actuado sobre a mesma dando autorización, tanto dende o Porto como dende o Concello, ao Padel hipotecando a mesma  para o futuro da cidade; ou non se mentan nin contemplan documentos de interese como poderían ser o catálogo de bens a conservar, nin a denominación de novas zonas sensíbeis para nós de vital importancia coa finalidade de protexer á cidadanía de atropelos/riscos como poden ser a instalación das antenas de telefonía móbil preto de escolas, centros de saúde, ou residencias de maiores.

Polo tanto, temos claro que o de hoxe foi un mero intento por parte de Fole de facer crer que traballa, dialoga e informa a oposición cando é mentira, denunciamos a súa negativa a permitirnos o acceso a información como membros da corporación e entendemos que o PXOM debería marcar cal é o proxecto que queremos para Vilagarcía de Arousa, que cidade queremos de aquí a 10 anos, e dende logo o modelo de cidade do BNG non casa co modelo que hoxe se nos presentou.

O BNG esixe transparencia ao PP, tamén en temas de urbanismo e anima a todos os colectivos sociais e as veciñas e veciños de Vilagarcía que acudan ao Concello a solicitar a informarse sobre este PXOM e participar neste proceso e presentar as propostas ou alegacións que consideren apropiadas e precisas.

CENSURA POR PARTE DE FOLE Á HORA DE ACCEDER AO PROXECTO DO PXOM DE VILAGARCÍA DE AROUSA