O BNG SORPRENDIDO ANTE REVIRAVOLTA LEVADA A CABO POR TOMÁS FOLE PARA O PAGO DOS RECIBOS MUNICIPAIS
Ao BNG de Vilagarcía de Arousa sorpréndelle o feito de que o Sr. Fole propoña e venda agora a medida de distribuír o cobro dos diferentes recibos municipais ao longo do ano, contra a que no mes de maio, ao ser proposta e levada a pleno polo BNG, posicionouse firmemente en contra e botouna abaixo.
O BNG asiste con sorpresa á decisión acatada polo bipartito conservador cando, xa no mes de maio, ao propoñer o BNG a través dunha moción a distribución do cobro dos diferentes recibos municipais ao longo do ano, PP e IVIL votaron en contra da mesma.
Xa no mes de maio o BNG denunciou o cobro ao mesmo tempo, por parte do Concello, de diferentes recibos de índole Municipal. Motivo polo cal levamos a pleno unha moción na que solicitabamos por unha banda, que se procedese a distribuír o cobro dos diferentes recibos municipais ao longo do ano e, pola outra, que se efectuase o cobro dos importes resultantes despois do día 10 de cada mes.
Neste sentido o BNG congratulase de que o PP, aínda que tarde, poña en marcha propostas feitas polo BNG e anímao a recoller todas e cada unha das que ten feito este grupo para facilitar o pago dos cidadáns de Vilagarcía, como foron tamén a rebaixa ou conxelación dos impostos, a súa aplicación progresiva (que pague máis quen máis ten), o seu pago fraccionado...etc
Entendemos que debido á situación económica pola que están pasando moitas familias de Vilagarcía de Arousa, é preciso que se lles faciliten ese tipo de pagos, e non que precisamente se lles cobren todos xuntos no mesmo mes.
Para o BNG é unha solución doada de levar a cabo, factíbel e sinxela de aplicar. Máis o bipartito conservador en todo momento tivo o non por resposta, xustificándose con evasivas e contradicíndose e mentindo continuamente, xa que por unha parte contestaron que non se ía modificar o pago dos recibos ao xa estar distribuídos e por outra recoñecían que se podía facer doutro xeito máis non querían.
Agora, pese a dicir no pleno do mes de maio que a nosa moción carecía de contido, ao Sr. Fole non lle queda máis remedio que recoñecer que o BNG tiña razón e proceder a redistribución dos recibos municipais tal e coma dende o Bloque Nacionalista Galego lle solicitabamos.
Se non fose pola mala xestión do Sr. Alcalde e pola súa incapacidade á hora de recoñecer as boas medidas cando se lle presentan, as e os vilagarciáns xa teríamos desfrutado dunha correcta redistribución dos pagos, e non agardar polos caprichos dun alcalde caracterizado por ir sempre tarde e a rastras.
En coherencia coa liña mostrada ao longo de toda esta lexislatura, o BNG de Vilagarcía de Arousa insiste e solicita unha vez máis que non se proceda a suba das taxas e impostos dado o momento no que nos atopamos e, ademais, que se leve a cabo a exención do pago de taxas para aquelas unidades familiares que non cheguen ao Salario Mínimo Interprofesional, así coma para desempregados coas prestacións esgotadas e pensionistas receptores da pensión mínima contributiva.
O BNG entende que as taxas e os impostos son necesarios, máis é preciso que o seu pagamento sexa de xeito progresivo, pagando máis quen máis ten. Non compartimos a política inxusta que está a levar adiante o PP subíndolle por igual a todo o mundo taxas e impostos, cunha suba lineal que protexe aos máis ricos e castiga aos que menos teñen, sobre todo no momento de crise no que nos atopamos. Para nós esta claro que o PP pretende facernos cómplices da política fiscal inxusta que esta a aplicar, máis temos ben claro que o BNG non vai pasar polo aro.
Como xa explicamos no seu momento, abandonamos a Comisión de Revisión de Ordenanzas Fiscais ao non coincidir coa liña política do PP, liña que responde á política de dereitas máis rancia e que ve como únicas posibilidades de modificación a beneficencia ou as bonificacións aos que máis teñen. Medidas contra as que tal e acabamos de argumentar nos opoñeremos sempre rotundamente.