O BNG PRESENTA UNHAS INICIATIVAS PARA QUE SE REGULEN AS CONDICIÓNS ECONÓMICAS DOS VITICULTORES
O BNG PRESENTA UNHA SERIE DE INICIATIVAS NO PARLAMENTO PARA QUE SE REGULEN AS CONDICIÓNS ECONÓMICAS DOS VITICULTORES ANTE O INICIO DA CAMPAÑA DA VENDIMA
A portavoz de Agricultura do BNG Tereixa Paz demanda convocar a Mesa do Viño para garantir a existencia de contratos homologados.
A deputada do BNG, Tereixa Paz, xunto co responsábel comarcal Xoán Allegue e a portavoz municipal en Vilanova vén de presentar as distintas iniciativas parlamentares a respecto da situación actual na que se atopa o sector vitivinícola ante o inicio da campaña da vendima.
A nacionalista Tereixa Paz sinalou que para o BNG o sector do viño é un dos sectores básicos da economía agraria galega pola capacidade que ten de xeración de emprego naquelas comarcas onde está estabelecidas as distintas denominacións de orixe existentes no país, polo mantemento do territorio e pola xeración de riqueza nestas comarcas.
A deputada destacou que logo do acadado na Mesa do Viño no ano 2006 nas distintas denominacións de orixe, onde se dotou de máis estabilidade ao sector, nestas últimas campañas o sector vitivinícola está padecendo o abandono total por parte da Xunta de Galiza, onde hai viticultores que aínda están pendentes do cobro das uvas da campaña anterior.
Tereixa Paz ínstalle á Consellaría do Medio Rural que deixe de primar os intereses das grandes industrias fronte aos pequenos viticultores impulsando medidas para que os acordos e axudas que se dean a través do IGAPE ou de calquer organismo público non impliquen ningún tipo de garantía por parte dos produtores e produtoras.
Desde o BNG demandamos á Xunta de Galiza que dé un paso adiante e que se deixe de mirar para outro lado e convoque a Mesa do Viño con urxencia para promover ou prorrogar os acordos mediante contratos homologados onde se establezan os prezos e o pago da colleita aos viticulotores.
Xoán Allegue, responsábel comarcal no Salnés sinalou que na nosa comarca o sector vitivinícola representa un mantemento dun sistema de vida e ocupación do rural para moitas familias e que ante a problemática que está xurdindo nestes anos do Goberno do PP na Xunta de Galiza reclama as medidas necesarias para garantir o sustento deste sector.