O BNG pregunta que custe suporá para o noso Concello o despregue policial de onte
O BNG presenta no rexistro do concello un escrito no que pregunta sobre o custe que acarreará para o noso municipio o despregue policial de onte.
Vilagarcía de Arousa, 2 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego de Vilagarcía de Arousa ven de presentar no rexistro do concello un escrito no que pregunta sobre diferentes cuestións relacionadas co despregue-represivo do día de onte.
Dende o BNG, quixeramos saber que custes acarreará para o noso concello o despregue policial que tivo lugar onte co gallo da visita de Feijóo polo centenario, para reprimir ao pobo. Unha celebración da que as veciñas e veciños de Vilagarcía de Arousa non puideron desfrutar e que sen embargo pagarán do seu propio peto.
O BNG acusa ao Partido popular de aplicar unha política criminal contra o pobo de Vilaxóan, de Carril e de Vilagarcía. O BNG reitera que as organizacións sociais ou formacións políticas so acudiron a realizar presión pacífica e apoio ás persoas afectadas que están a vivir situacións moi delicadas.
O BNG afirma que estamos ante moitos problemas sociais que van in crescendo e o Goberno do PP, en Vilagarcía e en Galiza, non pode actuar a golpe de represión policial porque se trata de defender a cidadáns en situacións de autentica desprotección social.
Para o BNG, o despregue policial de onte foi esaxerado, todos os que acudiron puideron ver un exceso no cordón policial máis que cuestionábel. Quixeramos saber ademais, se con todas as restricións que levan sufrindo os corpos de seguridade e o persoal laboral do Concello, coma traballadores públicos, se lles van abonar as horas feitas onte en concepto de horas extra, o cal agardamos que así sexa, e quixeramos saber tamén de onde van a saír os cartos para pagar ditas horas.
Ao noso entender, dado que o acto de onte foi reducido a un mero mitin do PP, apoiado polo PSOE, no cal non puideron participar as e os vilagarciáns que así o decidisen, entendemos que debería de ser o Partido Popular ou Partido Socialista quen abonasen a cota resultante, dado que dito despregue foi única e exclusivamente para que Núñez Feijóo dese un mitin pechado a cidadanía, un tipo de mitin ao que están moi acostumados nesta organización.