O IGAPE non responde ás preguntas do BNG sobre o futuro de Alfageme
A deputada do BNG, Montse Prado acusa á Xunta de Galiza de manter un comportamento suicida coa comarca do Salnés con máis de 15.000 persoas desempregadas
Santiago de Compostela, 21 de febreiro, 2013. A portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre o destino para as instalacións da empresa Alfageme adxudicada á Xunta de Galiza previstos en Ribadumia e Vilaxoán xunto coa marca Miau e a previsión da súa cesión a un terceiro para garantir a súa viabilidade.
No transcurso do debate da pregunta, Montse Prado amosou a súa estrañeza por ser incluída esta iniciativa na Comisión de pesca cando lle correspondería formar parte da orde da comisión de Industria o que produciu un rifirrafe inusual ao responder como membro do goberno, por sentirse aludido o hoxe mesmo elixido presidente da comisión, Javier Guerra, ex-conselleiro de Industria na pasada lexislatura en troques do director do Igape, Javier Aguilera encargado de responder á deputada do BNG.
Superado o malentendido e trala intervención de Aguilera, Prado reiterou que a comarca do Salnés vive unha situación dramática por soportar máis de 15.000 persoas sen emprego, situación á que a Xunta responde, cun comportamento suicida.
Neste sentido, reprochou que a Xunta de Galiza prefira desentenderse dos 30 millóns de euros para o proxecto en vez de loitar para conseguir a viabilidade de Alfageme e garantir os postos de traballo.
A Xunta, dixo, só pode presentar unha unidade produtiva finiquitada, naves baleiras e máis desempregados/as e mentres tanto, engadiu, o director do Igape segue botando balóns fora e agardando que outros resolvan o problema de Alfageme.
Montse Prado volveu reiterar o seu malestar ante a negativa do responsable do Igape a ofrecer información actual e veraz sobre as xestións da Xunta de Galiza para reflotar o proxecto de Alfageme.