O BNG pide retirar o Anteproxecto da Lei de Acuicultura
O deputado Daniel Rodas afirmou que non vale só con paralizala e o compromiso do PP para buscar o consenso porque o sector e mesmo algúns alcaldes populares xa amosaron o seu rexeitamento a un modelo que atenta contra a actividade de moitos traballadores/as do mar
Tras saudar aos representantes do sector do marisqueo, patroas maiores e mexilloeiros convidados ao debate, o parlamentario do BNG, Daniel Rodas pediu ao Partido popular retirar o anteproxecto da lei da acuicultura.
O deputado explicou que a proposición non de lei do BNG recolleu as demandas do sector e mesmo dos alcaldes de Vilanova, Riberia, Marín e portavoces municipais que apoiaron unha iniciativa semellante á que hoxe é debatida no Parlamento galego para retirar o anteproxecto da Lei de Acuicultura.
A retirada do texto, dixo, é un clamor unánime contra a política da Xunta e no mar non queremos que pase o que está sucedendo co leite, co pequeno comercio e que vostedes segan favorecendo a unha minoría mentres arruínan o noso modelo de vida.
Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, José Manuel Balseiro afirmou que o anteproxecto está paralizado e acusou a oposición de desinformar ao sector. Se hai un consenso co sector, a lei saíra adiante, afirmou.
O parlamentario do BNG replicou a Balseiro de perder unha oportunidade para convencer aos representantes do sector presentes no debate e cuestionou o seu compromiso de consenso. Non hai máis que ver, explicou, a política de despezamento con máis de 700 solicitudes, máis de de cen barcos despezados, fraude na etiquetaxe no mexillón e o seu compromiso coas instalacións en Touriñán e Corrubedo ou cos dereitos de pesca que levou ao cerco a acampar nas inmediacións de San Caetano.
O parlamentario pediu sensatez ao Partido popular e escoitar ao sector que reclama seguir producindo, como o levamos facendo toda a vida e apostando por un modelo que reparta a riqueza horizontalmente algo, engadiu que ademais de ser demando polo sector do mar tamén é demandado polos propios alcaldes do Partido popular polo que recomendou ao portavoz parlamentario do PP consensuar cos seus compañeiros de filas e non facer un brinde ao sol. Nin vostede, nin a conselleira do Mar, nin o director xeral, son interlocutores válidos, e neste proceso non representaron ao sector.
A iniciativa nacionalista foi apoiada polo resto da oposición e rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.