O BNG MANTIVO UNHA REUNIÓN COS REPRESENTANTES DO COMERCIO LOCAL DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Esta xuntanza celebrada na sede de Zona Aberta enmárcase dentro da rolda de contactos que o BNG ten iniciado cos distintos colectivos e diferentes sectores; e que serviu para confirmar a boa sintonía e coincidencia existente por ambas partes nas medidas precisas de cara á dinamización e reactivación do comercio e da economía local.
Nesta xuntanza que mantiveron onte coa directiva de Zona Aberta, o BNG reiterou o seu apoio ao pequeno comercio; apoio que ademais xa ten quedado patente na loita levada adiante conxuntamente en contra da instalación das áreas comercias en Vilagarcía , e que se ten materializado tamén ao longo de toda esta e anterior lexislatura coa presentación de campañas e tamén mocións para ver de dar solución a distintos problemas que afectaron de forma importante a este sector.
Así, mentres os gobernos do PP se teñen caracterizado, dende a súa constitución, pola posta en marcha de medidas que teñen prexudicado ao comercio local, ignorando e facendo oídos xordos ás súas reivindicacións, e vivindo de costas ás necesidades deste sector perante toda a lexislatura. Os nacionalistas a través dos seus candidat@s seguen a manifestar a necesidade de tomar medidas urxentes de cara a fomentar o pequeno comercio e o consumo de proximidade.
Neste senso falouse de temas que lles afectan como as grandes áreas comercias, a competencia desleal, horarios e aperturas en festivos, tempadas de rebaixas, o IVE, ... Falouse tamén de medidas que pasarían por: Axudas e campañas de promoción e fomento do consumo no comercio e dos produtos locais; así como a plans coordinados de promoción do turismo, creación de centros comerciais abertos aproveitando as zonas tradicionais xunto coa súa peonalización e desenvolvemento de mellora no plan de mobilidade. Axudas tamén para a implantación ou mellora de establecementos específicos que comercialicen produtos autóctonos , axudas para a modernización e formación,....
E nesta liña o BNG vai reclamar do goberno de Vilagarcía a constitución de forma urxente da Comisión Municipal do turismo e comercio, unha asociación -plataforma que aglutine e represente a todos representantes dos distintos sectores relacionados co comercio hostalería ( unha plataforma que poida coordinar, e enfrontar os problemas que poidan xurdir nestes sectores, e a través da que se poida elaborar un plan sectorial de cara a planificar estratexias comúns) que foi reclamada, tamén polo propio sector e que non se ten constituído a día de hoxe.
En definitiva, a posta en marcha de políticas como por aquelas que o BNG aposta, e leva adiante naqueles concellos onde goberna e que están sendo exemplo de desenvolvemento urbano sostible , convivencia e humanización onde o comercio de proximidade ten un papel protagonista.
Nesta xuntanza, na que asitiu a deputada no Parlamento Galego, Montse Prado acompañada pol@s candidat@s Xosé Leirós e David Torres e os concelleir@s de Vilagarcía o BNG manifestou a súa intención de seguir ao lado, como até o de agora, do comercio local apoiando as súas reclamacións fronte ás políticas de ataques ao pequeno comercio dos gobernos do PP.