O BNG DE CATOIRA PRESENTA MOCIÓN NO VINDEIRO PLENO SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL

O BNG DE CATOIRA PRESENTA MOCIÓN NO VINDEIRO PLENO SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL

O portavoz do BNG en Catoira, Xoán Castaño, denuncia que o PP “cébase con impostos cos máis débiles e é permisivo coas rendas máis altas”.

O PP coa Lei 16/2012 prodúcese subidas xeneralizadas nos impostos que pagan as maiorías sociais (subidas nos tramos medios do IRPF, subida xeral do IVE e dun xeito agravado en produtos culturais), así como a introdución de copagamentos sanitarios e farmacéuticos. Unha política de rigor e esixencia fiscal para as rendas medias e baixas e laxitude e permisividade coas rendas altas e as grandes fortunas.

Por outra banda o PP, a finais de 2011, aprobou un primeiro “catastrazo”, a través do Real Decreto-Lei 20/2011 que chegou a elevar o gravame mínimo nos concellos no Imposto de Ben Inmóbeis (IBI) para os anos 2012 a 2015.

Castaño denuncia que coa Coa Lei 16/2012 consúmase un segundo “catastrazo”, ao recoller un proceso de regularización catastral. Ademais, xustifícase dito proceso “no obxectivo da mellora contra a fraude fiscal”, cando vai dirixido sobre todo a bens situados en solo rústico, que nunha boa parte de casos son anexos ou instalación asociadas á actividade agrícola.xan bng catoira

O portavoz afirma que a regularización catastral leva consigo o pagamento dunha taxa de 60 € por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI e tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares.

Castaño afirma que estamos perante un procedemento absolutamente inxusto, que se dirixe preferentemente sobre persoas con menor nivel de renda, en concellos con menor dinamismo económico, e sobre todo que afectará a propietarios que teñen as propiedades destinadas á actividade agraria, que ademais atravesa dificultades especiais pola parálise e falta de apoio do Goberno galego.

Castaño pedirá ao pleno que rexeite o proceso de regularización catastral emprendido polo Ministerio de Facenda, demandando a paralización do proceso.

Ademais pedirá que revisión do valor dos inmóbeis no catastro se efectúe tendo en conta o seu valor real, partindo da súa función económica e que non se lles esixa ás persoas propietarias pagos retroactivos en exercicios anteriores do IBI, así como que se declare a exención da taxa de regularización catastral cando afecten a alteracións relacionadas con obras de rehabilitación ou conservación ou de elementos e edificacións vinculadas á actividade agraria.

Por último pedirá que no futuro non se compute o patrimonio que estea vinculado á actividade agraria, gandeira ou forestal para a baremación de umbrais patrimoniais nas becas, bolsas e axudas ao estudo.

 

O BNG DE CATOIRA PRESENTA MOCIÓN NO VINDEIRO PLENO SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL