O BNG de Cambados presenta unha moción de apoio ao sector do cerco
O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción de apoio ás reclamacións trasladas polo sector do cerco de Cambados, relativas a estabelecer medidas para a súa supervivencia .
Diante da situación actual na que se atopa a flota do cerco polas decisións adoptadas dende Bruxelas e Madrid, que prexudica gravamente á flota galega en beneficio doutras comunidades como a cántabra ou vasca, o BNG insta ao concello de Cambados a rexeitar o actual modelo de reparto na captura das principais especies como a xarda, o xurelo e a sardiña.
Para o BNG a regulación de topes, días, tamaños,... que ven levando a cabo a flota galega, en vez de favorecela, prexudicouna, xa que o criterio maioritario son as capturas, encontrándonos cun reparto que favorece ás grandes embarcacións e ningunea os criterios de sostenibilidade e aboca ao despezamento as pequenas embarcacións favorecendo aos grandes armadores.
Esta situación ven sendo denunciada por parte do sector, sector moi importante en Cambados no que traballan moita xente, que reclama medidas urxentes, mentres que a señora conselleira permanece ausente ou con afirmacións e medidas que nada axudan a enfrontar o problema, tales como que non lle consta que haxa escaseza de recurso, que foi ela quen reclamou a Madrid a liberalización dos topes de capturas ou recentemente que o problema da escaseza de sardiña é unha cuestión de ciclos, e que ela era optimista.
Para Víctor Caamaño o Goberno español é responsábel desta situación, mentres o Goberno galego cala, non demandando medidas de xestión e admitindo uns criterios de capturas históricas, discriminatorios para a nosa flota, ao igual que Europa, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira e permitindo uns criterios que beneficia aos grandes armadores, abocando a flota galega á miseria.
Para o BNG a única saída a esta situación é que o concello de Cambados e a Xunta de Galiza defenda os intereses da flota galega e inste ao Goberno do Estado a elaborar un novo Plan de recuperación da sardiña que inclúa os criterios establecidos na Comisión do cerco, con medidas que permita que a flota teña futuro, defendendo un reparto liñal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime o número de tripulantes e os criterios de pesca responsable.