O BNG ADVIRTE QUE O REPAGO MATA
O BNG do Salnés apoia á Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade que é a impulsora desta campaña.
A campaña da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade terá este venres 8 de novembro, ás 20:00 h., unha concentración diante do Hospital do Salnés.
O BNG advirte as veciñas e veciños do Salnés que o repago mata. Baixo este lema iniciase esta campaña promovida pola Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade. O BNG materializa o seu apoio, con diferentes repartos pola comarca, a esta campaña que está impulsada por colectivos sanitarios, sindicatos, forzas políticas e colexios profesionais vencellados á sanidade.
O BNG di que non debe haber nin unha soa persoa morta por falta de recursos e que parece que a isto é ao que nos abocan as decisións do PP nos goberno da Xunta e do Estado. Para o BNG está claro que progresivamente os gobernos do PP van implantado a normativa necesaria para desmantelar a Sanidade Pública, reducindo a carteira de servizos gratuítos e incorporando medidas de repago. O BNG acusa ao PP de aplicar estas medidas para facer da saúde unha mercadoría coa que lucran as empresas a conta das persoas.
O Ministerio de Sanidade ven de ditar unha resolución pola que se determina que os tratamentos que se proporcionan nos centros hospitalarios van a ter un repago dun 10% sobre o seu custo. Terán que asumir o pago deste 10% todas as persoas ás que, por prescrición facultativa, se vexan na obriga de continuar con tratamentos médicos como é o caso das que teñen tratamentos para enfermidades crónicas.
Concentración diante do Hospital do Salnés
A campaña terá continuidade cunha concentración diante do Hospital do Salnés o vindeiro venres, 8 de novembro, ás 20:00 horas. Esta campaña, apoiada polo BNG, pretende mobilizar á sociedade para loitar por que se garanta unha sanidade universal, pública, gratuíta e de calidade.
O BNG impulsa unha estratexia de resposta contra o ataque ao estado de benestar nos concellos onde goberna, demostrando que é posible facer outro tipo de políticas, que é posible afrontar a crise preservando os dereitos sociais e o benestar, en particular dos colectivos máis desfavorecidos como as persoas maiores ou os doentes. E apoiamos as iniciativas de protesta e denuncia contra esas políticas, como a manifestación do día 8 de novembro, contra o repagamento dos medicamentos.