APOIO DA CIDADANÍA NA CONCENTRACIÓN EN DEFENSA DOS PARTIDOS XUDICIAIS DO SALNÉS.
O BNG, xunto coa CIG, concentrárose onte á tarde diante do concello de Cambados para oporse á aprobación do anteproxecto de Lei do Sr. Gallardón que conleva a desaparición dos partidos xudiciais de Cambados e Vilagarcía de Arousa.
Na concentración, na que participaron membros do BNG como a deputada Montse Prado ou portavoces municipais da comarca e membros da CIG como Rosa Abuín ou Marcos Conde, responsábel comarcal da CIG Pontevedra, foi apoiada por numerosos veciños e veciñas ademais de traballadores e traballadoras de ambos xulgados que corearon consignas en contra desta lei e reclamando o mantemento dos partidos xudiciais.
Antes de rematar a protesta interviu o portavoz municipal do BNG en Cambados, Víctor Caamaño, informando que esta medida sería perxudicial economicamente para Cambados e para os veciños e veciñas polo custo que isto suporía trasladarse a Pontevedra para calquer xestión ou trámite. O voceiro criticou ademais ao Alcalde do PP Luis Aragunde por defender os xulgados cara fóra e logo non fai ningún tipo de presión aos do seu partido.
O representante da CIG Xosé Henrique G. Outeiral denunciou que esta lei, xunto co aumento das taxas xudiciais e a futura privatización dos rexistros civís, afastará aínda máis a xustiza da cidadanía e poñerá en perigo moitos postos de traballo.
Tanto o BNG coma a CIG comunicaron que seguirán informando sobre as consecuencias da desaparición dos xulgados e mobilizándose en defensa dos partidos xudiciais nas comarcas e fixeron un chamamento a participar na concentración convocada para este martes día 15, ás 20.30 h., diante dos xulgados de Vilagarcía de Arousa.