O BNG DE CAMBADOS DEMANDA UNHA SOLUCIÓN AOS PROBLEMAS DE APARCAMENTO NO CONCELLO.
O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha moción para o seu tratamento en pleno sobre a problemática do aparcamento nalgunhas rúas de Cambados.
O voceiro Víctor Caamaño, afirma que existe un malestar xeralizado entre os veciño/as de Cambados polo repentino e esaxerado incremento das multas e sancións de tráfico, por parte da policía municipal, en situacións nas que ata hai pouco tempo non foran consideradas como infraccións.
Desde hai uns días, veciños e veciñas que teñen as súas vivendas en determinadas rúas semipeonís (entre elas O Borrón, Isabel II, Castriño, Lugo ) están a ser multados por deixar os vehículos estacionados nas citadas rúas como, curiosamente, o veñen facendo desde hai anos e sen ser sancionados. Que os veciños/as afectados/as non entenden o recente e repentino cambio unilateral de criterio con respecto a este asunto e que en ningún momento o Concello o anunciou nin o consensuou con eles e que, polo tanto, desde o goberno municipal non se lles ofreceu ningunha alternativa coa que solucionar ou aminorar o problema da imposibilidade de aparcar preto das súas vivendas, a maioría das cales carecen de aparcamento.
Así mesmo, nos medios de comunicación se informaba de que o presidente dos comerciantes trasladou ao alcalde as queixas de comerciantes e hostaleiros porque tamén están sendo afectados por este mesmo tipo de problemática viaria, polo que semella que este asunto debe ser considerado xa un problema xeral para todo o casco urbano de Cambados e, como tal, resulta urxente que o Concello escoite aos perxudicados pola aplicación destes novos criterios viarios e lles dea algún tipo de solución. Ademais, segundo os medios de comunicación, os veciños/as afectados están a recoller sinaturas para solicitarlle ao concello ser recibidos e que se lles dea unha solución ao problema de aparcamento recentemente creado.
Desde o BNG consideramos que a problemática descrita é de suficiente gravidade e afecta a tantos veciños/as que debería ser tratada en sesión plenaria, razón pola que se presentou unha moción, instando ao Concello de Cambados a aclarar a posición do goberno municipal con respecto á problemática creada e que se paralicen as sancións e multas de aparcamentos nas rúas nas que ata hai pouco tempo non se multaba por aparcar, ata que aos veciños/as non se lles facilite algún tipo de alternativa de aparcamento nas rúas afectadas.
Víctor Caamaño demándalle ao alcalde tratar este asunto coa maior urxencia posíbel, que podería ser convocando un pleno extraordinario xa que o seguinte Pleno Ordinario será o último xoves do mes de agosto e, polo tanto, demasiado tarde para resolver este problema.