O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO A PARALIZACIÓN DAS OBRAS NO SACO DE FEFIÑÁNS EN CAMBADOS
O Grupo Parlamentar do BNG ven de presentar unha Proposición non de Lei e unha batería de pregutas relativa á paralización das obras de construción de comportas no Saco de Fefiñáns en Cambados.
A deputada nacionalista Montse Prado acusou ao Partido Popular na Xunta de Galiza de facer unicamente política de propaganda e de promesas incumpridas a respecto da eliminación de verquidos no Saco de Fefiñáns en Cambados, así como da súa necesaria rexeneración. Dentro destas actuacións está o proxecto de colocación de comportas de regulación hidráulica no Porto de Tragove, que Portos de Galiza, en connivencia cos responsábeis do Concello de Cambados e da Confraría co Patrón Maior a fronte, se empeñaron a levar adiante malia non ter informes que o xustificaran nin avalaran.
Para Montse Prado este proxecto nunca foi para darlle prioridade á produción marisqueira, da que viven moitas familias en Cambados, senón a outros usos como son potenciar e desenvolver actividades náutico-deportivas, que afecta directamente ao dominio público terrestre, á súa protección e utilización, alterando o réxime mareal e os outros usos establecidos. Ademais de que a realización destas obras nunca tivo garantido, nin moito menos, o non impacto desta infraestrutura no banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns e o seu impacto ambiental.
Contra toda lóxica Portos de Galiza adxudicou a obra de construción das comportas no mes de novembro por un importe de case 500.000 e un prazo de execución de 7 meses. Despois da adxudicación, a empresa iniciou os traballos instalando as estruturas denominadas tableestacas, que teñen como función deixar seca a zona onde debían traballar tanto maquinaria coma obreiros, mais a obra estivo practicamente paralizada durante meses, situación que Portos de Galiza xustifica inicialmente pola grande complexidade técnicae agora por xeotécnicos que provocaron a cesión do fondo coa colocación das estruturas, dificultades que nunca apareceron recollidas nin no proxecto nin en ningún informe.
Con grande sorpresa @s veciñ@s de Cambados viron como nos últimos días a empresa adxudicataria, e despois de meses de inactividade, procedeu á retirada da maquinaria, das estruturas e incluso da caseta de obra que tiña na zona.
Para a deputada nacionalista todo parece indicar que estamos diante do abandono da obra, que o PP impuxo malia non contar no expediente cos informes preceptivos e facendo caso omiso ás peticións de que a prioridade tiña que ser sanear o Saco de Fefiñáns e depurar as augas que se verten nesta zona, evitar a contaminación mariña neste banco marisqueiro para recuperalo para a produción marisqueira como sempre foi, e con isto contribuír a manter os máis de 200 postos de traballo que actualmente ten a agrupación de mariscador@s a pé de Cambados e a xerar máis.
Por estas razóns o Grupo Parlamentar insta á Xunta de Galiza a que abra unha investigación para determinar as causas da non execución da obra comportas de regulación hidráulica no Porto de Tragove, en Cambados e depurar as responsabilidades que corresponda e, a facer unha reprogramación do mesmo, de tal xeito que os recursos que estaban destinados ao mesmo se adiquen ao saneamento do Saco de Fefiñáns para posibilitar a súa recuperación como banco marisqueiro.