O BNG ven de reunirse coa Mancomunidade de montes de Vilagarcía de Arousa para valorar os orzamentos
Na mesma valoraron como deficiente a execución destas partidas e concordaron na necesidade dun aumento e maior control sobre as partidas dedicadas aos nosos montes.
Dentro da rolda de contactos que ven mantendo o BNG coas distintas asociacións e colectivos polos orzamentos municipais, o noso grupo ven de manter unha reunión coa mancomunidade de montes de Vilagarcía onde se analizaron e valoraron tanto a execución das partidas que o BNG incluíu nos orzamentos como as necesidades e problemáticas que están a padecer os nosos montes e a propia mancomunidade.
Nesta reunión a mancomunidade manifestou o seu descontento de como se tiveron executado as partidas destinadas aos nosos montes e valorou que houbo falta de compromiso e implicación por parte do goberno para levalas a diante.
Neste senso coinciden co BNG, e consideran que deben mudar as cousas para poder facer estas partidas máis efectivas. Consideran que para que isto se dea é preciso un maior compromiso e control sobre estas partidas e entenden que a mancomunidade debería ter maior protagonismo de control sobre as mesmas.
Valoraron tamén que por parte do goberno de Vilagarcía estase a dar unha falla de compromiso tamén noutros temas que lles afectan como o dos vertedoiros incontrolados, xa que a dia de hoxe non esta a colaborar na súa limpeza, tal, e como se había comprometido.
Por outra banda dende o BNG voltamos a reiterarlle o noso compromiso para cos nosos montes , un sector produtivo que consideramos fundamental para o noso desenrolo, e en particular coa mancomunidade que consideramos un instrumento necesario para levalo adiante. Compromiso que nos levou a imposición das partidas por valor de 100.000€ na negociación dos últimos orzamentos e das que non vamos renunciar a súa inclusión nos seguintes.
Neste senso quedamos en volver a reunirnos, nos próximos dias, para por enriba da mesa as necesidades e proxectos para valorar e cuantificar de cara aos próximos orzamentos.