O BNG reúnese coa Asociación Con Eles para valorar as axudas conseguidas nos orzamentos municipais

IMG_BNG - CON ELES

Trala aprobación definitiva do orzamento municipal, o pasado 4 de maio, o BNG continúa co seu labor de achegar aos colectivos as melloras acadadas nos mesmos. Así como tamén o compromiso de seguimento sobre as mesmas.

O BNG reúnese coa Asociación Con Eles para valorar as axudas conseguidas nos orzamentos municipais

Nesta reunión entre o BNG e representantes da Asociación “Con Eles” púxose enriba da mesa a necesidade desta residencia para discapacitados psíquicos que se precisa en Vilagarcía e a súa contorna, como en outras localidades de Galiza que contan con menor poboación xa  existen.

Tamén se falou da urxencia da súa tramitación e posta en marcha xa que moitas persoas con discapacidade están próximas ou xa están a quedar orfas, e polo tanto, mesmo poden quedar no desamparo por falla de familiares que se poidan facer cargo. Neste senso o BNG comprometeuse a reclamar do goberno do concello a máxima urxencia tanto na sinatura do convenio como na tramitación para o inicio desta residencia. Por outra banda dende a nosa organización imos a seguir reclamando axudas para esta residencia tanto á Xunta de Galiza, como a outras administracións ( concellos e deputación ).

Hai que lembrar que o pasado 4 de maio aprobouse en pleno de xeito definitivo o orzamento municipal onde o BNG conseguiu, entre outras, unha partida de 80.000 euros executables en dous anos, para axuda da construción dunha residencia para persoas con discapacidade intelectual, promovida pola asociación Con Eles.

Dende a nosa organización, entendemos que as administracións públicas deben implicarse no desenvolvemento integral das persoas con discapacidade funcional ao longo da súa vida, atendendo ás súas necesidades e promovendo a inclusión real na sociedade. 

Para o bng é prioritario que estas persoas teñan unha vida digna cun mínimo de calidade de vida, para o que son necesarios centros e residencias, como os promovidos por este colectivo, posto que as administración competentes, neste caso a Xunta de Galiza, desenténdese por completo das súas funcións.

Entendemos que non é posible que a estas persoas, que quedan fóra do sistema a partir dos 21 anos, non se lles dea unha saída dende as administracións públicas, que axude a optimizar o seu desenvolvemento como persoas que forman parte da sociedade e que teñen dereito a ter unha vida normalizada.

Así, e ante a falta de implicación da Consellería e a necesidade destas persoas de ter unha residencia que cubra as súas demandas 24 horas, dende o Bng vimos de reunirnos coa directiva deste colectivo, para valorar esta partida e abordar outras alternativas cara a demandar ante a Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade.

Por outra banda, o BNG leva varios anos propoñendo emendas ao orzamento da Xunta nas que se incluían a construción e funcionamento desta residencia, e que foron rexeitadas de xeito rotundo, polo goberno do partido popular. A pesar disto, seguiremos apoiando as reivindicacións destes colectivos e loitando para que dunha vez por todas, non teñan que ser as familias as que soporten a carga do funcionamento destes centros.

O BNG reúnese coa Asociación Con Eles para valorar as axudas conseguidas nos orzamentos municipais