O BNG reclama do goberno a paralización do cobro do IBI, até non pór en marcha as axudas ao mesmo.
Ríos reclama a máxima urxencia na posta en marcha das axudas correspondentes á bolsa de 90.000€ que desde o BNG se demandou e se aprobou nos orzamentos para este fin.
Para o BNG resulta imprescindible que a partida orzamentaria dos 90.000€, que no seu día reclamou para axudas a pagar o IBI, sexa xestionaxa en tempo e forma para acadar a súa efectividade. Para a nosa organización non sería de recibo que esta “bolsa de axuda” incluída dentro do orzamento non tivese o seu traslado a axudar ás persoas que a precisan, e cumprir así, co seu obxetivo de facer deste imposto un imposto máis xusto.
Neste senso lembramos, que unha das condicións principais que desde o BNG puxemos para dar a nosa aprobación aos orzamentos foi a creación, e aumento até os 90.000€ , desta bolsa de axudas para pagar o IBI, co fin de garantir que os impostos sexan máis progresivos e máis xustos.
É por iso que desde o BNG non imos admitir que esta bolsa creada para este fin, finalmente non sexa efectiva para o mesmo, e todo elo, debido a unha mala xestión por parte do goberno. Deste xeito, instamos ao goberno a paralizar calquera envío dos recibos para o seu cobro até o establecemento destas axudas; ou no seu caso, pór en marcha unicamente o seu cobro voluntario, creando e mantendo, de calquera xeito, un mecanismo que garanta a súa aplicación.
Por outra banda, desde o BNG reclamamos tamén do goberno a axilización na tramitación de outras partidas incluídas nos orzamentos a proposta da nosa organización; como as destinadas aos nosos montes, ao fomento do emprego, a cultura, o rural, humanización, aforro enerxético, etc. Partidas todas elas que o BNG considera importantes e prioritarias e das que imos facer un seguimento para a súa aplicación efectiva.