VAGANCIA E PREPOTENCIA SON OS CALIFICATIVOS QUE PARA O BNG DEFINEN AO GOBERNO DE FOLE
O feito que de novo se lle volten a rexeitar e deixar fora de pleno tres novas mocións, e pola contra, da única que leva o goberno non lle fose remitida documentación con anterioridade a xunta de voceiros, supoñen para o BNG unha clara mostra da incapacidade e do dobre raseiro no que se move este goberno do PP de Vilagarcía de Arousa.
Unha vez máis Tomas Fole, facendo gala da súa prepotencia, volta a negarlle ao BNG o poder levar a debate plenario mocións con temas tan importantes e que afectan a cidadanía de Vilagarcía, como son: Medidas para a promoción do emprego neste concello, a Coordinación e posta en marcha dos mecanismos para o préstamo de libros e material escolar, axudas e gratuidade dos libros de texto, e a solicitude de mantemento das competencias municipais na nova lei de telecomunicacións.
O feito que resulta máis preocupante para o BNG, é a falla de criterio no que se move o actual goberno do PP-IVIL á hora de decidir as mocións que deixa fora e as que inclúen no Pleno. Unha falla de criterio que ten como fundamento e amosa o carácter prepotente e antidemocrático do goberno de Fole. Persoa que dende que asumiu, mediante a súa compra, a alcaldía, non ten deixado de tomar medidas tendentes a eliminar a estrutura democrática deste Concello, desmantelando e baleirando de contido todos aqueles órganos de representación no noso concello coa cara finalidade de deixar sen representación e sen voz é cidadanía e os seus lexítimos representantes, evitando así calquera discusión na imposición das súas medidas.
Outro feito que para o BNG resulta moi preocupante e inadmisíbel é a ineptitude e vagancia amosadas por parte da executiva local, xa que ademáis de negarlle a presentación das mocións á oposición non presenta ningunha propia; feito este moi preocupante porque ser reiterativo no tempo, e inadmisíbel porque, ademáis, esta deixadez dase nunha situación de drama social que se vai deteriorando día a día e na que o goberno que pagamos todos para que solucione e atenda as necesidades da cidadanía non cumpre co seu deber e esta desaparecido.
Neste senso, para o BNG, resulta unha tomadura de pelo e unha mofa que este goberno siga negando ou pasando moi tarde a información á oposición sobre o pouco traballo que fai. Exemplo claro diso é o feito de que Ordenanza de praias que pensan levar a pleno non nos foi remitida ata despois da xunta de voceiros á que supostamente deberíamos de ter acudido a debater dito tema. Isto representa unha clara mostra da incompetencia deste goberno como da súa dobre vara de medir; xa que, o tempo e forma que cinicamente reclama constantemente aos demáis, non o aplica a si mesmo e ó seu goberno.
Dende o Bloque Nacionalista Galego, entendemos que este goberno de Fole ten entrado nunha deriva antidemocrática e de incapacidade. Unha deriva que dende o noso grupo vimos denunciando dende fai tempo e que está levando a este concello e os seus cidadáns a padecer unhas situacións verdadeiramente dramáticas, mentres o goberno local o único que fai é intentar tapar a súa incapacidade para gobernar sen solucionar ningún dos moitísimos problemas da cidadanía tratando de impoñer o totalitarismo, a censura e tapar a boca da oposición.
Non imos permitir a instauración destes métodos ditatoriais e opoñerémonos aos mesmos con todas aquelas medidas que estén nas nosas mans. Insistimos en reclamar a Tomas Fole que se poña a traballar e que se tome dunha vez por todas en serio a situación dramática que están a padecer os veciños e veciñas de Vilagarcía, e retome a vía democrática devolvéndolle o contido aos distintos órganos colexiados deste concello, á cidadanía e aos seus representantes.