Prado: O PP ten que rectificar e atender as demandas en materia de sanidade no Salnés
A deputada do BNG Montse Prado, compareceu en rolda de prensa xunto cos portavoces de Cambados, Ogrobe e Vilagarcía de Arousa para demandar dunha vez por todas que se dote á comarca do Salnés dunha ambulancia de soporte vital avanzado de xeito permanente e o traballo que desde o BNG se vai facer nos concellos.
Desde o BNG apoiase as reiteradas reivindicacións que veñen manifestando dende hai tempo un grupo de técnicos de emerxencias sanitarias que denuncian que a comarca do Salnés quedou fora da convocatoria para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre en Galiza e que tras a adxudicación a Xunta de Galiza aforrou un 3% do importe que contemplaba nun princicipo, polo que para o BNG non hai razón polo que non se dote dunha ambulancia medicalizada con persoal e equipos precisos.
Montse Prado denuncia o escaso compromiso do Partido Popular coa sanidade na comarca do Salnés. Unha comarca cunha poboación de máis de 100.000 habitantes, que ademais de non contar cunha ambulancia medicalizada os 365 días do ano hai que engadirlle que o hospital non conta cunha UCI, cunha terceira pranta pechada a maior parte do ano e a política laboral que está a levar a cabo desde a Consellaría de Sanidade cos profesionais do hospital, someténdoos continuamente a cambios de servizos e especialidades.
A nacionalista pídelle ao Goberno da Xunta de Galiza que rectifique dunha vez por todas e deixe de maltratar á comarca do Salnés e que atenda as demandas e reivindicacións dos técnicos de emerxencias sanitarias, dos profesionais e dos vecinos e veciñas do Salnés.
Finalmente, a nacionalista pediu que se inclúa nos vindeiros orzamentos as partidas precisas para a mellora da calidade sanitaria na comarca que conta con centros de saúde en estado lamentábel, e de non ser así, o BNG presentará as pertinentes emendas.