MONTSE PRADO INSTA Á XUNTA DE GALIZA A NON AUTORIZAR UNHA SUPERFICIE COMERCIAL EN VILAGARCÍA
A deputada do BNG Montse Prado, levará para o seu debate na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo unha proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a comprometerse a non dar licenza comercial, no caso de ser solicitada autorización, para a instalación dunha grande superficie no concello de Vilagarcía de Arousa.
A nacionalista sinala que a instalación de grandes centros comerciais periurbanos multiplicáronse en Galiza considerabelmente, e que ademais de ocasionar a degradación dos centros urbanos das vilas e cidades, e a perda de atractivo comercial provocaron que moitos pequenos establecementos, constituídos maioritariamente por pequenas empresas familiares tiveron que botar o peche ante as dificultades de competir coas grandes áreas.
Para Montse Prado as políticas que leva a cabo o Partido Popular tanto no Goberno español como no Goberno galego, favorecen descaradamente ás grandes superficies comerciais en detrimeto do comercio galego coa liberalización dos horarios, a suba do IVE e peche de crédito. Cabe lembrar que nos últimos anos pecharon máis de 20.000 comercios en Galiza e perdéronse máis de 40.000 postos de traballo, e existe unha saturación de grandes superficies.
O sector comercial da comarca do Salnés está tendo moitas dificultades para saír adiante e son moitos os establecementos que nos últimos tempos tiveron que pechar. Diante desta situación, o BNG defende políticas que afortalen e impulsen o comercio galego de proximidade, fronte ás grandes superficies e de aí a preocupación polos pasos dados polo equipo de goberno do concello de Vilagarcía para permitir a apertura dunha grande superficie comercial en Vilagarcía de Arousa.
Desde o BNG consideramos que existe suficiente equipamento comercial tanto na comarca como no concello de Vilagarcía e, que unha grande superficie comercial suporía un prexuízo para o tecido comercial existente e a destrución de emprego. É por iso que a deputada ven de presentar unha proposición non de lei para que a Xunta de Galiza aprobe unha moratoria para a implantación de grandes superficies e a non dar licenza comercial para a instalación dunha grande superficie non concello de Vilagarcía xa que hai razóns suficentes para ter unha posición contraria a este proxecto.