MONTSE PRADO DEMANDA MELLORAS NAS CONDICIÓNS LABORAIS DO PERSOAL DO HOSPITAL DO SALNÉS
A deputada parlamentar Montse Prado, defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Sanidade, instando ao Goberno galego a dimensionar o cadro de persoal do hospital do Salnés, de acordo coas ratios profesionais-doentes precisas, e a apertura na súa totalidade da terceira planta durante todo o ano.
Montse Prado denunciou a política de recortes, tanto de recursos como de persoal, e de peche de camas que vén practicando a Consellaría de Sanidade nos hospitais comarcais, e polo tanto no Hospital do Salnés, sinalando que a intencionalidade clara do PP é de concentrar os recursos hospitalarios ao máximo posíbel para facilitarlle o negocio ás empresas privadas.
A nacionalista demanda que se proceda a dimensionar o cadro do persoal para poder dar unha atención en condicións aos usuarios e usuarias do hospital, demanda feita desde que se abreu o hospital polos propios profesionais, que denuncian os continuos recortes na Consellaría de Sanidade negándose a contratar máis persoal para cubrir as ausencias de persoal por vacacións e baixas e a rematar coa mobilidade continua aos que están sometidos. Para o BNG isto implica un detrimento tanto nos dereitos dos profesionais para desenvolver a súa actividade como na calidade asistencial que se pode prestar.
Por outra parte, a deputada tamén solicita que de xeito inmediato se abra a terceira planta do hospital do Salnés durante todo o ano dotandoa do persoal preciso para o seu funcionamento e denuncia que co peche desta planta doentes con distintas patoloxías teñan que compartir a mesma habitación.
Ademais, para o BNG é necesario que desde a Consellaría de Sanidade se realice as actuacións precisas para que o hospital do Salnés estea dotado cun numero de prazas de aparcamento gratuitas tanto para as persoas que acoden para seren atendidos como para o persoal sanitario en terreos públicos e cuestiona o novo aparcamento por estar en terreos de titularidade privada.
Prado denuncia que o Partido Popular está convertindo o hospital do Salnés nun ambulatorio grande e con esta iniciativa o BNG pretende que o parlamento aprobe unha serie de medidas para mellora da calidade asistencial no hospital do Salnés.
Finalmente, o Partido Popular votou en contra desta iniciativa sen argumentar en contra as demandas solicitadas polo BNG.