Montse Prado acusa ao PP de mentirlle aos comerciantes e veciñ@s de Vilagarcía e do Salnés
A deputada defendeu unha Proposición non de lei contra a instalación dunha grande superficie comercial no concello de Vilagarcía de Arousa e acusou ao alcalde de disfrazar de mero trámite administrativo o que é en realidade o primeiro chanzo da autorización.
A parlamentaria do BNG manifestou que a realidade comercial galega veuse alterada negativamente pola proliferación de grandes superficies comerciais e no caso do concello de Vilagarcía a instalación dun establecemento destas características provocará un negativo impacto ao xa fráxil comercio da zona.
Na súa intervención na defensa da Proposición non de lei na que reclamaba non autorizar a instalación dunha grande superficie comercial no concello de Vilagarcía, a deputada recalcou que as vendas do comercio minorista baixaron un 5% no ano 2013 con seis anos de retrocesos na facturación, segundo os propios datos publicados polo INE e non a propaganda á que nos ten acostumados o conselleiro, manifestou.
Momentos difíciles para o comercio galego
Por outra parte, salientou a baixada da ocupación laboral, un punto por riba da media do Estado que coloca a Galiza na cuarta comunidade en diminución de facturación e emprego.
Neste contexto, no concello de Vilagarcía en en particular na comarca do Salnés, saltaron todas as alarmas ante o anuncio de instalar unha grande superficie comercial nunha comarca onde o sector comercial está a atravesar unha difícil situación que obrigou a moitos comercios a botaren o peche. Aprobar a grande instalación comercial, dixo, suporía unha estocada de morte para o tecido comercial de Vilagarcía.
A nacionalista reiterou que o conselleiro de Industria mentiu na súa comparecencia cando afirmou que Galiza ía ben, cando os datos do INE confirman a destrución do emprego no comercio, xa somos a cuarta comunidade co maior número de peche de comercios e a terceira con menos facturación.
Ademais acusou ao alcalde de Vilagarcía de mentir por reducir a mero trámite administrativo o que en realidade é o primeiro chanzo para instalar unha grande superficie comercial que vai beneficiar só os negocietes dos amigos do Partido popular e non aos veciños nin á comarca do Salnés.
A deputada do BNG lamentou o voto desfavorábel do Partido popular á iniciativa nacionalista.