Gobernar con seriedade e honestidade
Gobernar con seriedade e honestidade son os requisitos mínimos que un cidadán/á debe esixir a un representante político con responsabilidades de goberno. O BNG fai hoxe referencia a estes principios, en relación aos continuos retrasos, desde hai anos, que se están a producir nos solicitados e prometidos arranxos do Colexio Magariños. Neste asunto, o BNG está a cumprir coa súa labor fiscalizadora como grupo político na oposición. O BNG non está gobernando en Cambados, pero dentro das súas funcións como representantes políticos, de parte da cidadanía, está a de velar polos intereses e as necesidades dos veciños/as de Cambados. E nesa liña de traballo, o BNG non acepta o malo costume do PP de incumprir, de xeito recorrente, as promesas que fai á cidadanía, xa se trate dos arranxos no Colexio Magariños, das obras de saneamento do Saco de Fefiñáns ou da construción do centro de día. Nun país democrático hai que gobernar con honestidade e non resulta aceptable o que fai continuamente o PP de estar prometendo, ano tras ano, as mesmas obras. Promesas ás que, ademais, incluso lle asigna un orzamento (como no caso do Colexio Magariños); orzamento que logo non se executa. Non se pode enganar á xente e, menos, de xeito continuado como fai o PP.
Tampouco resulta aceptable mostrar a veciños e veciñas, como fai o PP, que o seu grupo político ten prioridades e que estas non son as deles. Pois, nun momento de tremendos recortes públicos, se permiten derrochar máis de 600.000 nas comportas do Saco de Fefiñáns pero non están dispostos a destinar a terceira parte destes cartos, para atender as urxentes e prioritarias necesidades do colexio público do Magariños.
Aos cidadáns non se lles pode enganar e os políticos son reféns das súas promesas. A cuestión non é, como di Luís Aragunde, que o BNG se presenta como salvadores para despois poder presumir de que as obras fanse grazas a eles . A cuestión é que o BNG está a realizar á función para a cal foi elixido democraticamente, mentres o PP pásase o tempo facendo política electoralista, política para perpetuarse no poder, e non política para o beneficio da cidadanía.