Fole enrócase na súa posición e toma represalias retirando do Pleno todas as mocións do BNG
Confirmase a ruptura total de diálogo, o cal por certo nunca existiu por parte do PP, buscando escusas carentes de senso común. O PP informou onte, na Comisión Informativa, de que de agora en adiante tan so se levarán ao pleno mocións que sexan competencia de Vilagarcía de Arousa, e non aquelas que insten a outras administracións.
Tras a denuncia feita polo BNG da deriva antidemocrática e ditatorial que pretende levar a cabo o goberno de Tomás Fole, onte confirmóu que non levarán ningunha das tres mocións presentadas polo BNG, sendo eliminada da orde do día do pleno a que ata onte era e a única moción admitida, que non era outra que a de garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos.
Ao pedir explicacións a respecto destas actuacións por parte do goberno municipal, déronse como intento de argumentación, escusas que demostran a faciana real do PP de Vilagarcía de Arousa.
Nunha primeira escusa, indicouselle ao BNG que ningunha das mocións se incluían na Orde do Día por chegar tarde, cando a moción para o subministro eléctrico ás persoas sen recursos xa foi vetada o mes anterior por partida dobre, unha ao metela por rexistro, e unha segunda vez ao levala por urxencia ao pleno. As outras dúas mocións foron rexistradas en tempo e forma, dentro dos prazos establecidos no regulamento local que rexe o funcionamento do pleno. Regulamento que o goberno local incumpre de xeito reiterado e ao cal fai referencia cando lle convén.
Por outra banda, e algo que para o BNG súmase á gravidade dos feitos que denunciou nesta semana, dende a comisión informativa se trasladou a segunda escusa polo cal non se incluíron as mocións, motivo que vai ser outra das liñas a seguir a partires de agora polo Sr. Fole, que non é outro que é o de non aceptar para ir a pleno ningunha moción que consista en instar a outras administracións a cumprir acordos ou a tomar medidas que poidan repercutir na nosa cidadanía xa que, en opinión do executivo local, non son competencia do concello nin do interese da nosa poboación.
Aínda que dende o bipartito local se empeñen en disfrazar e xustificar a situación, a realidade é que Tomás Fole, coa súa decisión apoiada pola totalidade do bipartito conservador, está negándose a levar a pleno, a debate político, calquera moción que afecte á realidade das cidadás e dos cidadáns do noso concello, e non so iso, senón que está censurando ao BNG de Vilagarcía de Arousa, porque sabe que o BNG ten un modelo de cidade para Vilagarcía e para os vilagarciáns, modelo que o PP demostra día a día que non ten.
O feito é que o BNG ten claro que a única verdade existente é a de que o Sr. Fole e o PP néganse a levar a pleno as mocións do BNG que SI que afectan á realidade da nosa veciñanza. Ou é que ás persoas autónomas e as PEMES de Vilagarcía non lles afecta o incremento das cotizacións mínimas que impón Rajoy dende o Goberno Central? Ou é que en Vilagarcía non hai ningunha persoa que estea en situación de pobreza? Non existen no noso concello fogares con todos os seus membros no paro e sen ningún tipo de ingreso? Considera Fole que non é preciso realizar as modificacións lexislativas oportunas para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza nin demandar que non se incremente o recibo da luz para o 2014?
Como pode dicir isto, nunha comarca e sobretodo nunha cidade coma a nosa, afectada enormemente e de xeito alarmante polo desemprego. E quee calquera tipo de mellora ou de medida que se tome no fomento do emprego nas axudas a toda aquela ou todo aquel veciño que o precise non é de interese local?
O que realmente acontece é que Vilagarcía de Arousa conta nestes momentos cun alcalde que non merece que ao que pouco ou nada lle importan as necesidades e as molestias das e dos seus cidadáns. A realidade é que estamos ante un rexedor covarde, sen ningún tipo de argumentos que non sabe que quere para Vilagarcía de Arousa e por iso non se atreve a debatir e votar as mocións que o Bloque Nacionalista Galego lle presenta.
Dende o BNG, seguiremos facendo o noso traballo, traballando a pe de rúa cos colectivos e veciños, presentando as nosas propostas e iniciativas e desenvolvendo o traballo para o cal, por moitas mordazas que se nos queiran impoñer, fomos eleitos.