O BNG VOLVE A DENUNCIAR O ABUSO DE HORAS EXTRAS NO CONCELLO

O BNG VOLVE A DENUNCIAR O ABUSO DE HORAS EXTRAS NO CONCELLO

Víctor Caamaño Rivas, portavoz do grupo municipal do BNG de Cambados,

EXPÓN: que con data 25 de novembro de 2012 (rexistro de entrada nº 2012/7831), o grupo municipal do BNG solicitou información sobre a asignación de horas extraordinarias e incentivos de produtividade recibidos polo  persoal deste concello, o pasado ano, e a día de hoxe aínda non ten ningunha resposta. Que a razón para facer esta petición foron os reiterativos informes da Intervención municipal que acompañan as Contas Xerais dos consecutivos anos económicos onde, por exemplo na Conta Xeral ano 2011 pode lerse: en canto ás  gratificacións,“ o número de horas extraordinarias non poderá ser superior ás 80 horas anuais (Artigo 35 do Estatuto dos Traballadores e o Convenio Colectivo)”.  En novembro o Secretario da Alcaldía  suma 534´5 horas extras (584  o ano 2010); a auxiliar administrativa ten realizadas en novembro 410 horas extras (476 o ano 2010). Tamén, nese mesmo informe, apunta a Intervención municipal, de que xa no mes de maio de2011 a partida correspondente a este apartado presentaba  un déficit de -1.219 €. Pola contra, cada vez que debatemos anualmente sobre este tema no correspondente  pleno sobre a Conta Xeral anual, vostede argumenta que sobrepasar o número legal de horas extraordinarias (80 horas/ano) é normal para o persoal de mantemento debido a que se producen determinados imponderables que compre arranxar de xeito inmediato (circunstancia que o BNG comprendería pero que xamais apareceu reflectida como tal nos sucesivos informes anuais de Intervención). Cremos que para aportar transparencia neste tema que, ademais, está a crear malestar entre parte do persoal do concello que vostede dirixe, sería necesario que facilitasen os datos reais e obxectivos que se volven a solicitar de seguido, polo que

 

SOLICITA: que se lle dea resposta ao escrito presentado con data de 25 de novembro de 2012 (rexistro nº 2012/7831), que consta das seguintes preguntas e peticións:

1º.- Que se expida certificación do Secretario do Concello no que conste cal é a normativa concreta pola que se rexe este concello á hora do conceder horas extraordinarias ao persoal adscrito a este concello.

2º.- Que se remita, por quen corresponda, certificación na que consten as horas extraordinarias realizadas polo persoal do concello de Cambados durante o ano 2012,  e na que se faga constar o nome da persoa, o mes e as cantidades recibidas.

3º.- Que, asemade, por quen corresponda se emita certificación na que consten os incentivos de produtividade recibidos polo persoal do concello de Cambados, durante o ano 2012  e no que se faga constar nome da persoa, mes e cantidade recibida.

4º.- Indíquese por que determinado persoal e en que concepto recibe cantidades por incentivo de produtividade, que segundo  as resolucións da alcaldía  son principalmente  de vixilancia nocturna, sen ser policías locais.

5º.- Indíquese se hai (ano 2012) algunha clase ou sistema de fichaxe ou de rexistro de persoal para entrada e saída, horario traballado, horas extraordinarias realizadas.

6º.- Indíquese, en  caso positivo, se  esa fichaxe ou rexistro de persoal comprende a todo o persoal e, no seu caso, quen está exento da mesma, aportando relación tanto do persoal que ten obriga de facelo como os que non.

7º.- Que se informe por escrito de cal é o horario do persoal do concello nas súas diversas estancias, concello, edificio Rúa Ourense, Edificio Multiusos da Merced, Museos etc.

En Cambados a 21 de febreiro de 2013

O BNG VOLVE A DENUNCIAR O ABUSO DE HORAS EXTRAS NO CONCELLO