O BNG REÚNESE COA DIRECTIVA DA ASOCIACION DE PRACEIROS DENTRO DA ROLDA DE XUNTANZAS COS COLECTIVOS
O BNG REÚNESE COA DIRECTIVA DA ASOCIACION DE PRACEIROS DENTRO DA ROLDA DE XUNTANZAS COS DIFERENTES COLECTIVOS E SECTORES PARA A ELABORACIÓN DA SÚA PROPOSTA PROGRAMÁTICA DE CARA ÁS MUNICIPAIS
Na xuntanza, na que estiveron presentes tanto membros da directiva da Asociación de praceiros coma membros da candidatura do BNG ás eleccións municipais, puxéronse en común ideas de cara á segunda fase do edificio, así coma á dinamización da praza de abastos coma núcleo importante da economía local.
Na xuntanza celebrada na sede do Bloque Nacionalista Galego, puxéronse en común as ideas que por ambas partes hai de cara ao desenvolvemento da segunda fase do edificio, así coma á dinamización e reactivación da Praza de Abastos coma elemento importante e estratéxico da economía e do comercio local.
Seguindo co traballo iniciado co proceso de asembleas abertas, o Bloque Nacionalista Galego está levando a cabo unha rolda de contactos cos colectivos que representan os diferentes sectores de cara á elaboración da proposta programática que presentará nas eleccións municipais.
Nestes encontros, aparte de recoller achegas, dende o Bloque Nacionalista Galego tamén expoñemos e confrontamos as nosas liñas básicas ou ideas programáticas que dende a nosa organización se teñen para cada sector de Vilagarcía de Arousa.
No encontro de onte en concreto expuxéronse as ideas que dende ambas partes hai de cara ao proxecto da segunda fase da Praza de Abastos, así como á dinamización da actividade a desenvolver na mesma de cara a que pase a xogar ese papel importante que lle corresponde dentro do comercio local.
Cabe lembrar que dende o BNG sempre tivemos e temos coma sinal de identidade a aposta e a defensa da proximidade tanto para o comercio como, de maneira especial, na defensa de actividades ligadas á calidade alimentaria. A isto contribuirían, entre outras cousas, a produción de alimentos ecolóxicos, que poden crear aínda moitos máis postos de traballo así coma a potenciación da súa distribución en mercados de proximidade. Apostando sempre polos nosos sectores produtivos e polo comercio local.
En base a isto, foi o BNG na anterior lexislatura quen apostou polo Mercado Municipal coma sector estratéxico da economía local de Vilagarcía de Arousa, levando a cabo a primeira fase de remodelación da Praza de Abastos así coma diferentes actividades conxuntamente co colectivo para potenciar a dinamización da actividade da mesma. Apostouse pois por proxectos reais. Non por simples cortinas de fume coma o proxecto "pantasma" que Tomás Fole trata de vender de cara as eleccións. Un proxecto que o PP coñece de sobra que non vai poder levar adiante nesta lexislatura. Unha lexislatura de 4 anos durante a que non fixo nada e mesmo se negou a desenvolver actuación algunha tras as reiteradas peticións que por parte do BNG lle viñemos facendo.
O BNG quere deixar claro que continuará polo tanto, tal e coma fixemos ao longo destes 4 anos, apostando polo proxecto posto en marcha na lexislatura anterior, e emprendendo todas as accións que sexan precisas ata ver rematado e posto en valor un edificio e unha actividade económica e productiva tan importantes coma a que representa e debe seguir a desenvolver a praza do mercado.