O BNG PRESENTA NO PARLAMENTO INICIATIVAS PARA QUE SE SOLUCIONEN AS DEFICIENCIAS DO CEIP RUBIÁNS

O BNG PRESENTA NO PARLAMENTO INICIATIVAS PARA QUE SE SOLUCIONEN AS DEFICIENCIAS DO CEIP RUBIÁNS

Logo da reunión do BNG coa ANPA e visita ao CEIP de Rubiáns onde puideron constatar o lamentábel estado deste centro, o BNG deulle traslado da problemática ao Parlamento a través dos deputados Montse Prado e Cosme Pombo.

O CEIP de Rubiáns atende ás necesidades de escolarización de alumnado de educación infantil e primaria de varias parroquias do concello de Vilagarcía de Arousa, tendo pasado por el diversas xeracións de alumnado.

Neste momento o centro sofre un estado de abandono ao non se ter acometidas as obras de arranxo e mantemento precisas, obras que foron reivindicadas en diversas ocasións por membros da comunidade educativa do centro.

Na actualidade o centro ten diversos problemas graves que precisan de urxente solución:

  • O pavillón/ximnasio ten pingueiras, a súa estrutura está danada, non conta con servizos e incumpre as medidas de seguridade e hixiene. Neste estado sería preciso facer un novo.
  • Os servizos para @s nen@s, tanto exteriores como interiores, non reunen as condicións hixiénicas necesarias e non están adaptados á idade do alumnado que debería empregalos.
  • A situación de deterioro das luminarias e falsos teitos fai que sexa perigoso estar nalgunhas zonas do colexio.
  • Hai problemas de illamento tanto no pavillón como no edificio principal, o que provoca frío e humidade e un excesivo gasto de calefacción que non é útil debido aos problemas de estrutura que provocan unha continuada fuga de calor.

A estas graves deficiencias habería que engadir outras menores pero que non deixan de ser importantes como: un espazo para xogar @s nen@s que precisa de ampliación, un peche do contorno do centro en malas condicións e unhas marquesinas para transporte escolar que precisan de reparación.

Malia que por parte da Consellería de Educación se prometeu realizar as obras precisas para o arranxo das graves deficiencias estas finalmente nunca se deron acometido.

Por estas razóns o BNG, a través dos seus deputados Montserrat Prado e Cosme Pombo, presenta as seguintes preguntas para a súa contestación oral e por escrito:

  • Ten a Consellaría de Cultura Educación e Ordenación Universitaria feita unha avaliación das deficiencias existentes no CEIP de Rubiáns no concello de Vilagarcía?
  • Cales son as razóns polas que a Consellaría mantén este centro educativo con estas deficiencias tan elevadas?
  • Por que non se teñen realizado os investimentos prometidos pola Xefatura Territorial de Pontevedra en novembro do ano 2012, e só se realizou unha mínima actuación?
  • Considera a Consellaría que o CEIP de Rubiáns, con este volume de deficiencias, reúne as condicións para impartir docencia con un mínimo de dignidade e non poñer en risco a seguridade da comunidade educativa e moi especialmente a d@s nen@s que acuden a este centro?

O BNG solicita que de xeito inmediato se realice unha avaliación das deficiencias existentes no CEIP de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa e que coa máxima urxencia se proceda a levar a cabo as obras que precisa o centro para o seu correcto funcionamento como centro educativo público no que se imparta un ensino de calidade con todas as condicións de seguridade para alumnado e profesorado.

O BNG non vai a permitir, e vaise seguir opoñendo frontalmente, as políticas que está aplicar estes gobernos do PP de apoio e subvencións ao ensino privado e recortes no ensino público. Todo o diñeiro público para subvencionar colexios privados, incluso que segregan por sexo, en detrimento e abandono do público.

Por elo o BNG ten comprometido o seu apoio á moción presentada pola ANPA ao pleno no concello de Vilagarcía. Como ten trasladado e presentado no Parlamento instando para que se lle dea unha solución urxente a este problema.

O BNG PRESENTA NO PARLAMENTO INICIATIVAS PARA QUE SE SOLUCIONEN AS DEFICIENCIAS DO CEIP RUBIÁNS