O BNG de Meis denuncia o lamentábel estado do campo de fútbol “O Leixo” na Armenteira.

O BNG de Meis denuncia o lamentábel estado do campo de fútbol “O Leixo” na Armenteira.

O BNG de Meis reuniuse con representantes do clube de fútbol da Armenteira para recoller a súas demandas.

A portavoz municipal do BNG, Pilar Xiráldez denuncia o estado terceiromundista no que se atopa as instalacións do campo de fútbol da Armenteira “ O Leixo” e criticaPublicación2 á Deputación por gastar os cartos en facer campos e campos de fútbol en Ribadumia, mentras os da Armenteira teñen que xogar nun campo de terra e nunhas instalacións deplorábeis. O recinto non está pechado, e ao estar moi preto da canceira os cans abandonados entran moitas veces no campo de fútbol e poñen en perigo a seguridade dos nosos nenos e nenas, aos que poden morder e contaxiar algunha enfermidade.

Ademáis, e como puido comprobar o BNG ao entrevistarse cos representantes do clube de fútbol do Armenteira F.C., o mantemento das instalacións por parte do concello é nulo: porterías oxidadas e a piques de romper, redes rotas, barandillas oxidadas, rotas e perigosas, portas feitas con somieres, e un longo etc.

Por outra banda, non existen vestiarios separados para as nenas que xogan nos equipos mixtos, polo que teñen que facer quendas para poder ducharse e vestirse mentres os demais esperan fóra, moitas veces baixo a chuvia e o mal tempo.

Vemos como a Deputación de Pontevedra gasta cartos en facer novos campos de fútbol, moitas veces innecesarios, en vez de adecentar e acondicionar os campos de fútbol xa existentes en estado de grave deterioro como o da Armenteira. Desde o BNG consideramos unha vergoña que tanto a Deputación de Pontevedra como o Concello de Meis ignoren repetidamente as demandas dos usuarios deste campo, no que ás veces se fai case imposíbel xogar.

O BNG seguirá apoiando o deporte de base e considera prioritario facer todos estes cambios tan necesarios e emendar todas as deficiencias que vimos no campo.

 

O BNG de Meis denuncia o lamentábel estado do campo de fútbol “O Leixo” na Armenteira.