O BNG leva ao Parlamento Galego as deficiencias do CEIP de Rubiáns.
A deputada Montse Prado presenta varias iniciativas instando á Xunta de Galiza a acometer as obras de reparación no centro de ensino de Rubiáns.
Diante das reiteradas denuncias que a ANPA do CEIP de Rubiáns teñen realizado polo grave estado de abandono no que se atopa o centro de ensino, o BNG preguntará á Consellaría de Educación cales son as razóns polo que a día de hoxe non se acometense as actuacións precisas para subsanar as deficiencias do centro educativo.
Montse Prado critica o engano sistemático do PP e de promesas incumpridas por non realizar as obras, logo de comprometerse coa comunidade educativa deste centro de elaborar un informe técnico sobre as actuacións necesarias para solucionar os problemas do ximnasio ou de illameto de todo o centro e sinala que foi a propia ANPA quen tivo que encargar un informe propio pagado do seu peto.
A nacionalista considera inadmisíbel que o Goberno Galego permita o deterioro dun centro de ensino ata os niveis do que está o CEIP de Rubiáns, polo que insta á Xunta de Galiza que de xeito inmediato proceda a levar a cabo as obras necesarias para o correcto funcionamento como centro educativo público no que se imparta un ensino de calidade con todas as condicións de seguridade para alumnado e profesorado e proceda a manter a reunión que lle teñen demandado desde a ANPA desde hai dous anos.
Para o BNG o deterioro no que se atopa moitos centros de ensino non son máis que a consecuencia das políticas de recortes levadas a cabo polo goberno do PP en educación, e proba disto, é a redución dun 15% nos orzamentos desde a chegada de Feijoó ao goberno mentres conceden enormes subvencións a colexios privados e concertados.