O BNG levará ao pleno deste mes a sinalización de varias rúas do concello
O voceiro municipal do BNG Xoán Castaño, levará ao pleno deste mes de xuño a solicitude de sinalización de varias estradas do concello diante das queixas de moitos veciños e veciñas ante o perigo que supón camiñar por algunhas rúas de Catoira.
Xoán Castaño denuncia que algunhas estradas como a que une a parroquia de Oeste e que pasa pola Fonte da Codeseira ata o CPI PROGRESO, é moi utilizada por vehículos, tanto para acceder ao recinto das Torres como para acudir á praia fluvial, ao club de piragüismo, ao estaleiro etc. Nun destes tramos, Paseo Rei Romero, existe un estreitamento da estrada que supón un perigo continuado para os peóns, xa que non dispoñen de beirarrúas nin tan sequera dun espazo para evitar os vehículos cando se cruzan entre eles.
Para o nacionalista o grave é que non hai ningún sinal que alerte destes perigos. A isto únense o exceso de velocidade coa que circulan algúns destes vehículos segundo as queixas dalgúns veciños e veciñas da zona.
Ante o risco que supón camiñar por algunhas rúas, o BNG de Catoira solicitará ao alcalde no próximo pleno que se dirixa á entidade ou organismo responsábel da estrada para que proceda a colocar sinais de velocidade acorde coa perigosidade da zona, así como sinais que indiquen do estreitamento das estradas ou rúas.