O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO AS DEMANDAS DA ASOCIACIÓN CON ELES
A deputada do BNG, Montse Prado, presentou unha serie de iniciativas no Parlamento Galego para que a Consellaría de Traballo e Benestar aumente o número de prazas conveniadas coa Asociación Con Eles.
A asociación Con Eles que está en Vilagarcía de Arousa e que atende a persoas con discapacidade psíquica, de aproximadamente 12 concellos, ven demandando á Consellaría de Traballo e Benestar o aumento de prazas conveniadas, xa que desde o 2009 non aumentou malia que aumentou a petición de solicitudes.
Este centro, con capacidade para 50 persoas segundo os técnicos da Consellaría de Traballo e Benestar, neste momento está ao 60% da súa capacidade e só presta atención a 29 pacientes, dos cales só 25 deles conveniados coa Xunta e cunha lista de espera de 10 persoas que precisan dos servizos que presta a asociación.
Para a parlamentar nacionalista, non se entende que nun momento actual de crise en que moitas familias están atravesando por situacións compricadas, estas teñan que pagar unhas tarifas por praza non conveniada que supera os 1.000 ao mes, sendo isto imposíbel de asumir pola maioría das familias.
Ante as demandas da asociación e das familias, o BNG insta á Xunta de Galiza a que proceda a aumentar as prazas conveniadas coa asociación Con Eles, que está a dar un servizo e unha atención que a consellaría non presta a pesar de ser da súa competencia e, que explique cal é a alternativa que lle vai ofrecer a estas familias que teñen ao seu cargo unha persoa con discapacidade psíquica para que reciban a atención profesional que precisan no caso de non aumentar o número de prazas conveniadas.