O BNG DE CAMBADOS URXE AO ALCALDE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA AOS AFECTAD@S DO CAMPO DA MODIA.

O BNG DE CAMBADOS URXE AO ALCALDE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA AOS AFECTAD@S DO CAMPO DA MODIA.

Cambados, 17 de xaneiro de 2014.- O BNG, ante as demandas que un grupo2011.02.02-foto Cambados de veciños e veciñas da Modia veñen de trasladarlle ao grupo municipal, solicítalle a Aragunde unha solución urxente á situación que están a padecer no Campo da Modia, na rúa que baixa cara ao pequeno parque infantil da Escola Unitaria.

Os veciños e veciñas quéixanse de que teñen transformada a súa rúa nunha canle permanente de auga salvo nos meses secos do verán. Que como consecuencia disto, gran parte dos días, teñen que saír á rúa con botas de auga e que nas súas vivenda penetra a humidade procedente da auga que corre do exterior e que a situación aínda se complica máis co paso dos coches que salpican as entradas das casas. Nalgunha das portas, incluso, teñen que poñer algunha barreira de protección para que a auga non penetre na vivenda.

Víctor Caamaño, portavoz municipal sinala que esta obra non debería ser complexa nin custosa para o concello, xa que a rúa está perfectamente asfaltada, aínda que si lle resulta curioso que careza dos sumidoiros necesarios.

Os veciños/as quéixanse, ademais, de que no concello as súas demandas non foron tidas en conta e que nin se lles presta a atención que merecen, como cidadáns que pagan os seus impostos, nin se lles da ningunha solución; é máis, a día de hoxe están a agardar a que persoal do concello se achegue á súa rúa para que entendan a súa problemática e poida ser solucionada.

O BNG solicítalle ao concello que se poña en contacto cos veciños e veciñas do Campo da Modia para darlle unha rápida solución a esta problemática, xa que se trata dunha situación que non se pode prolongar por máis tempo.

 

 

 

O BNG DE CAMBADOS URXE AO ALCALDE UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA AOS AFECTAD@S DO CAMPO DA MODIA.