O BNG DE CAMBADOS PREGUNTA POLO ABUSIVO RECIBO DOS SUMIDOIROS
Víctor Caamaño Rivas, portavoz do grupo municipal do BNG de Cambados,
EXPÓN: que no mes de outubro do ano 2010, o grupo municipal do BNG presentou no concello una moción para A RETIRADA DO CANON DA AUGA RECOLLIDO NO PROXECTO DE LEI DE AUGAS DE GALIZA e que xunto con esta moción realizou, así mesmo, una serie de charlas informativas, en todas as parroquias e no casco urbano, que tiñan como obxectivo informar aos cambadeses e cambadesas sobre o Proxecto de Lei de Augas de Galiza aprobado pola Xunta, o cal substituía o actual canon de saneamento por dous novos tributos, o canon da auga e o coeficiente de vertido, coa única intención de aumentar a recadación por parte do goberno do PP, a costa de familias e particulares. Esta lei incrementou de xeito brutal e desproporcionado a imposición sobre o uso ou consumo de auga, nomeadamente para os usos domésticos, que serán os que soporten a maior suba de impostos e, hoxe, os veciños/as que están a recibir as facturas correspondentes, non dan creto ao incremento destas con respecto a anteriores anos. No ano 2010, o BNG afirmaba que xa no primeiro ano de aplicación destes dous novos tributos, a Xunta de Galiza, prevía duplicar a recadación polo canon de saneamento para o ano 2010, cun incremento de preto de 35 millóns de euros; e que as subidas de taxas, por este concepto, serían desorbitadas. Así mesmo, o BNG dicía que esta era unha lei que foi elaborada sen consultar aos concellos galegos, sen discusión previa, obviando a realidade local e a grave situación económica que sufría e sofre o país e os concellos. Que, ademais, a citada moción presentada polo BNG no pleno de outubro de 2010 foi rexeitada polos votos en contra dos concelleiros do PP e a argumentación, en dita sesión plenaria, que utilizou o PP para votar en contra foi (textualmente na acta de sesión do 30 de outubro de 2010): que non é verdade que se vaia substituir o actual canon de saneamento por dous novos tributos como son o coeficiente de vertido e o canon da auga. Non se crean novos tributos senón que se melloran os existentes. , e con este sistema de tarifas ata un 30% da poboación que actualmente paga o canon de saneamento pagará menos que co actual canon. Hoxe podemos comprobar, lamentablemente, como os temores do BNG sobre que a implantación da lei de augas do PP, ía supor á suba abusiva dos recibos de sumidoiros é xa unha realidade e centos de veciños/as están a protestar porque non son capaces de entender o esaxerado incremento nos recibos de alcantarillado que se lle están a cobrar; isto é polo que
SOLICITA: que se lle respondan ás seguintes preguntas:
1.- Pensa o Concello facer algún tipo de bonificación na súa cota de servizo de alcantarillado, para compensar a suba do recibo producida pola implantación do coeficiente de vertedura?
2.- Nas facturas que se están a emitir, hai veciños/as a quen se lles ven cargado o coeficiente de vertedura mentres ca outros non; cal é a causa?
3.- Puxo o concello algún técnico a disposición dos veciños/as para explicarlles a razón do gran incremento que experimentaron as taxas de pago de alcantarillado que lles están a cobrar?
En Cambados a 22 de marzo de 2013
Asinado: Víctor Caamaño Rivas
SR ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CAMBADOS