BARÁ: "PEDIREMOS A DERROGACIÓN DA LEXISLACIÓN QUE PENALIZA AOS RETORNADOS ALÍ ONDE ESTEA O BNG"
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra participou hoxe na manifestación organizada polos emigrantes retornados do Salnés e anunciou o seu apoio á gran protesta do 10 de xuño en Compostela
Aqueles que marcharon do país para saír adiante sobren unha penalización fiscal que está a espremer e castigar á xente traballadora fronte ás exencións que se permiten ás grandes fortunas
O BNG pedirá alí onde estea e onde teña representación institucional que se derrogue a lexislación que penaliza aos emigrantes retornados e se anulen as sancións impostas pola Axencia Tributaria. Así o asegurou o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, hoxe reunión que mantivo con representantes da Plataforma de Emigrantes Retornados de O Salnés, unha das máis activas de toda Galiza, aos que tamén acompañou na manifestación que percorreu durante a mañá as rúas de Vilagarcía. A actual lexislación é inxusta e discriminatoria, polo que é precisa unha nova lei que regule a situación dos emigrantes retornados. Tamén é necesaria a anulación das sancións ás que están a facer fronte, salientou.
Bará lembrou que o BNG sempre estivo do lado da loita e da reivindicación dos emigrantes retornados en todas as institucións nas que ten e tivo representación, xa ben nos concellos, no Goberno estatal e mesmo en Bruxelas, onde a parlamentaria Ana Miranda deu voz ás peticións dos afectados de toda Galiza para reclamar unha solución para o colectivo.
O candidato do BNG ás xerais instou a continuar a loita na rúa para reivindicar a causa: É fundamental manter a loita e as protestas na rúa, xa que é a mobilización a que consegue manter os dereitos e as conquistas sociais acadadas polas galegas e os galegos, asegurou. Neste sentido asegurou que a forza nacionalista acompañará tamén a todas as plataformas galegas o vindeiro 10 de xuño en Compostela, onde os afectados de todo o país se xuntarán para unir a súa voz e esixir unha resposta contundente que dea resposta ás súas demandas.
No encontro, no que participaron arredor dunhas cen persoas, Bará fixo unha reflexión sobre o que significou a emigración para Galiza tanto como drama humano como, dende o punto de vista positivo, o que supuxo de retorno de divisas que axudaron a este país a saír adiante nun momento de dificultades. Aqueles que marcharon para poder saír adiante agora sofren unha penalización fiscal que está a espremer e castigar á xente traballadora mentres as grandes fortunas están a ser beneficiadas con exencións fiscais, subliñou o número un nacionalista pola provincia.
Bará lembrou que a reivindicación dos emigrantes retornados para defender as súas pensións procedentes de empregos no estranxeiro terán voz no Congreso dos deputados en Madrid da man do BNG despois do 26X. O país necesita ter presenza en Madrid con voz propia, porque estes últimos meses puxeron de manifesto a ausencia de Galiza en todos os debates, dixo, para facer fincapé en que temos que ser as forzas propias do país, galegas 100%, as que loitemos polo futuro. O candidato por Pontevedra finalizou asegurando que debemos defender o respecto para o noso país, a nosa dignidade e orgullo. Iremos a todas partes para defender esas ideas, valores e sentimentos que imos poñer por diante para que Galiza estea representada en Madrid.
A Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés, liderada por Xosé Leirós agradeceu as palabras de Bará e o seu apoio para reclamar un cambio lexislativo e a anulación das sancións impostas pola Axencia Tributaria por non declarar as pensións que reciben os emigrantes desde outros países desde o 2008. Segundo as súas palabras, e coincidindo co candidato pola provincia, hai unha clara discriminación dos emigrantes retornados respecto dos demais contribuíntes por parte do Goberno español, xa que os trata como defraudadores fiscais. A plataforma lembra que o Estado obriga a realizar a declaración da renda a partir de 11.200 euros anuais de ingresos por empregos no estranxeiro, cando "o resto dos pensionistas só ten que facela ao superar os 22.000 euros". Ademais, engaden que o tipo impositivo que se lles aplica "é maior por idénticas cantidades que as persoas que non tiveron que emigrar".