“AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DO SALNÉS XA”, campaña do BNG

“AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DO SALNÉS XA”, campaña do BNG

O BNG do Salnés inicia unha campaña de información aos veciños e veciñas da comarca e de recollida de sinaturas solicitando á Consellaría de Sanidade que comence de inmediato a tan necesaria e demandada pola cidadanía e polos profesionais ampliación do Hospital do Salnés.

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado xunto con cargos orgánicos e institucionais da comarca presentaron publicamente a campaña informativa e de recollida de sinaturas que o Bloque Nacionalista Galego vai iniciar diante do abandono que o PP e a Xunta de Galiza ten en materia sanitaria á comarca do Salnés.

Con esta campaña o BNG quere denunciar unha vez máis os incumprimentos do Goberno galego a respecto da ampliación do Hospital do Salnés. A nacionalista considera de “escandaloso” o que 20141204_125845-Recollida sinaturas hospitalestá a facer o Partido Popular con dita ampliación sinalando que “levan seis anos de mentiras e enganos aos veciños e veciñas da comarca do Salnés e aos profesionais, prometendo desde o 2009 a ampliación do servizo de urxencias e de quirófanos e cada ano que pasa lonxe de mellorar o hospital o que están a facer é recortar en persoal e prestacións”.

Prado denuncia que o PP negouse a votar no Parlamento Galego esta semana unha emenda do BNG que solicitaba que se lle puxera unha partida específica no orzamento para a realización da ampliación no 2015 e critica que a Consellaría de Sanidade afirmase que antes de rematar o mes de novembro ía estar adxudicada a obra de ampliación e remantando o ano 2014 aínda están as obras sen adxudicar.

O BNG no cre nin unha soa palabra do que diga o PP, “Feijoó dá unha data, a conselleira dá outra data, a directora xeral dá outra data, prometeron tantas veces a ampliación, tantas veces contemplaron nos orzamentos partidas para dita ampliación, e a día de hoxe non só non está nin se lle espera, senón que para o 2015 non vai nin un só euro para ampliación”, sinala a nacionalista.

Desde o BNG considérase que é necesario que a sociedade do Salnés se involucre en demandar que a ampliación do hospital sexa unha realidade e, é por iso, que se inicia esta campaña facendo un chamamento aos veciños e veciñas a asinar os pregos de recollida de sinatura e reunirase cos distintos colectivos e asociacións da comarca, ademais coa Xunta de Persoal do Hospital do Salnés, para que colaboren e se impliquen nesta campaña para esixir á Xunta de Galiza o dereito a ter un hospital cos servizos, dotacións e persoal precisos para prestar unha antención sanitaria de calidade .

 

 

“AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DO SALNÉS XA”, campaña do BNG