Ética, estética, transparencia, igualdade de oportunidades, “Portas ven e queda” , …
O BNG defende a transparencia e a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
A falta de transparencia e outras irregularidades nalgunha das actuacións do concello de Catoira, xa foron denunciadas por este grupo municipal (exemplo ao consello de contas)
Nunha intervención no debate da campaña das municipais, Tv Salnés en abril de 2015, xa dixemos
“O BNG quere un concello transparente: onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para traballar na Institución, onde todas/os autónomos, empresas sexan do sector que sexan teñas as mesmas oportunidades de contratar co concello”
A que nos referimos: as persoas que foron nas listas do partido do goberno e foron concelleiras/os e acaban traballando no concello, non dubidamos da súa capacitación, pero tiveron as mesmas oportunidades outras persoas coa mesma preparación, capacitación e valía?. Resposta: non.
A familiares de persoas do equipo de goberno que están traballando e consolidando o seu posto de traballo. Outras persoas igual de capacitadas profesionalmente, tiveron as mesmas oportunidades?. Non
O que daquela era vox populi, hoxe segue sendo a maneira de actuar do grupo de goberno.
Ao contrario do que di a canción “nunca es triste la verdad lo que no tiene es remedio”, neste caso a verdade é triste e ten remedio.
O BNG defende a transparencia e a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
A ética e tamén a estética deben estar presentes no comportamento político.
Se este proceso remata como pensa a maioría das/os opositoras/es, que percepción, sensación, quedará neste colectivo que busca un emprego a través do esforzo, preparación, capacitación, dedicación,...? Seguro que: “non hai nada que facer, a praza está dada de antemán”, “non vale a pena prepararse”,....
A imaxe que podería dar Catoira con este proceso é demoledora: enchufismo, portas xiratorias ou “ven e queda”, en fin, lamentable.
Todo isto podería facerse respectando os principios da transparencia, ética, estética e igualdade de oportunidades.
As bases permitíano. Imos ver:
- O 3 de abril sae publicada no Boppo e por resolución da alcaldía de 14 de marzo a lista provisional de admitidos e excluídos.
- Tamén por resolución da alcaldía aprobase a lista definitiva o 25 de abril.
- Este mesmo día tamén por resolución da alcaldía “desígnanse” aos membros que integrarán o tribunal cualificador.
Polo tanto:
- Xa se sabía que nese listado de aspirantes quen estaba, veciñas e veciños de Catoira, concelleiros do grupo de Goberno, persoas que foron nas listas do grupo de goberno,....
Caben pois numerosas preguntas:
- Por que non se aplican as bases (SEXTO.- ÓRGANOS DE SELECCIÓN PUNTO 6.1) e se designa un tribunal formado por persoas que non teñan ningunha relación que poida ser sospeitosa nin cos opositores nin co concello?
- Por que o mesmo día que se aproba a lista definitiva de aspirantes se “designa” un tribunal no que: hai persoas con voz e voto que son militantes da mesma formación política que algún dos aspirantes, que hai persoas do tribunal cunha relación de amizade demostrada con algún aspirante, que hai persoas no tribunal que estiveron recibindo ordenes directas, pola condición de concelleiro do goberno durante 11 anos, dun aspirante? O punto 6.4 das bases podería resolver esta situación.
- Por que a elección dos temas a desenvolver no segundo exercicio, 7.5 das bases, non se abriu a todo o temario como permitía as bases?
- A quen beneficia que o tribunal propoña só 6 temas dos 46?
- Cal foi o criterio e o procedemento para elixir eses 6 temas? Cada membro do tribunal propuxo un, cada membro fixo a súa proposta de 6 temas e despois foi a sorte, en definitiva como se fixo?
Este proceso non é transparente, nin ético nin estético e a defensa das mesmas oportunidades para todas/os aspirantes brilla pola súa ausencia.
Pero algo se está movendo, xa as persoas honestas non se resignan e denuncian estas situacións inxustas.
Non se pode permitir utilizar as institucións para colocar como sempre, aos “nosos”.