O BNG denuncia pasividade ante os efectos da vertedura de aceite
Tres meses despois dunha vertedura de aceite de oliva por un accidente, os seus efectos continúan patentes, sen que se coñezan accións por parte do Concello e a Consellería de Medio Ambiente.
Transcorridos tres meses do accidente dun camión cargado de aceite de oliva na cuneta da estrada que une Catoira con Caldas, e cuxas augas van ao regato das Cachopeiras que desemboca no río Catoira, os efectos seguen a ser ben patentes, como se apreza nas fotografías tomadas o domingo 11 de marzo.
O BNG quere denunciar a pasividade das administracións competentes neste tema, e que semella menosprezar a importancia deste tipo de verteduras. Se ben son menos contaminantes do que sería no caso de aceites minerais ou derivados do petróleo, non poden considerarse inocuas en absoluto, podendo afectar á calidade das augas e á vida acuática.
Dende o BNG de Catoira reclámase:
- Que a Consellería de Medio Ambiente (e o seu organismo Augas de Galicia en particular) realicen a análise e avaliación da zona afectada por esta vertedura.
- Que ditos departamentos estuden a posibilidade de reclamar danos e prexuízos á empresa de transporte e/ou á súa aseguradora, nomeadamente a posta en marcha de accións de mellora e corrección, de seren precisas.
- Que o Concello de Catoira exerza a súa capacidade de xestión e reclamación neste tema, exixindo e velando polo cumprimento destas accións.