OS VOTOS EN CONTRA DO PARTIDO POPULAR IMPEDIRON QUE PROSPERA A PROPOSTA DO BNG PARA REFORZAR O PERSOAL DO CENTRO DE SAÚDE
Montse Prado afirmou que esta situación é consecuencia da falta de planificación do SERGAS e volveu a reclamar a restitución da atención pediátrica, catro días á semana
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado lamentou que, unha vez máis, o Partido popular persista na “súa política de recortes” e vete a proposta do BNG para deixar de poñer en risco a saúde e vida da veciñanza do concello de Catoira, ante a “falta de persoal “ no Centro de Saúde.
Esta falta de persoal, dixo, “é unha constante” ao non substituílo en situación de ILT, vacacións ou permisos o que provoca unha “sobrecarga asistencial” importante que levou aos veciños e veciñas de Catoira a denunciar, “ acumulación de esperas para unha primeira cita, probas de laboratorio, ou a cita para confirmar resultados”. Esta realidade, dixo a nacionalista, obriga a que moitas persoas doentes se vexan obrigadas a acudir á sanidade privada ou a automedicarse.
A deputada trasladou á Comisión de Sanidade a “alarma e preocupación” da veciñanza ao constatar que non accederían á medicina de familia ante a falta de previsión do goberno para cubrir a ausencia das 2 profesionais do centro.
Por outra banda, esta preocupación, é maior ao comprobar que as crianzas serían atendidas un só día fronte aos catro días á semana de atención pediátrica.
Ao seu xuízo, “a preocupación está agora en niveis máximos”, tendo en conta que a mediados do mes de xuño “xubilouse un dos médicos que pasaba consulta no centro de saúde, e a outra profesional xa formulou a solicitude de traslado para outro centro”.
A parlamentaria, explicou que na actualidade o centro conta cunha soa médica pero en breve iniciará o seu traslado e o médico que se xubilou é substituído “algún día”.
Sobre a Atención pediátrica dixo que só será durante “dous días á semana”, tendo que acudir a Vilagarcía o resto dos días se conseguen cita. Nas vacacións ou libranzas, “o persoal segue se ser substituído e as crianzas sen atención pediátrica”.
A realidade, dixo é que se non hai atención médica no centro de Catoira, os pacientes teñen que desprazarse até Vilagarcía, só en caso de urxencias, non tendo posibilidade de solicitar cita para cuestións non urxentes.
A deputada afirmou que a veciñanza de Catoira está farta de que o PP, “poña en risco a súa saúde e a súa vida”. Farta de que a atención sanitaria dependa do factor sorte, de que se dea a casualidade de que haxa profesionais no centro de saúde ou de que non estean saturados os servizos de urxencias”.
“Alarma especialmente entre a poboación de máis idade que precisa ter un profesional de referencia que coñezan e que os coñeza”.
Política de parches do Partido popular para que todo siga igual
Na súa intervención, Prado criticou que a solución ofrecida pola Consellería de Sanidade pase por ir cubrindo as ausencias de maneira puntual. Para a deputada, este proceder obedece a unha práctica política de “parches” que non resolven unha situación tan recorrente como a falta de persoal na Atención primaria e do Centro de Saúde de Catoira.
A deputada respondeu ao Partido popular que “o centro de Catoira non pode seguir dando pasos atrás” porque a política do PP incide en restar profesionais e, nesta liña, a preocupación dos veciños e veciñas está amplamente xustificada”.
Montse Prado asegurou que de non ser cubertas as prazas, “o centro de Catoira converterase nunha carcasa valeira” e avanzou que o BNG continuará rexistrando iniciativas parlamentarias para acadar unha asistencia sanitaria “de calidade” e unha Atención primaria cos profesionais necesarios para ofrecer unha atención digna.
A deputada concluíu a súa intervención cualificando de “cansino e fraudulento” o discurso do Partido popular. “Hai un problema de profesionais en Galiza pero o verdadeiro problema é o Partido popular” porque no fondo, ao PP non lle gusta ter as competencias en sanidade e non actuaron a tempo para poder afirmar agora “que non hai médicos”. Con custe cero, dixo, a nacionalista, non aumentan as prazas e con ese sistema, o PP sigue “facendo trampas e enganando a poboación”.